Feixoo continúa a xustificar a 'Operación Pemex' en Barreras

O estaleiro Barreras está en situación concursal e das promesas que en 2013 viñeran da man da adquisición pola petroleira mexicana Pemex o que fica é auga de castañas. En México poñen a compra como  exemplo do "pésimo negocio" que é tratar con empresas españolas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, porén, entende que aquela 'Operación Pemex para o estaleiro galego estaba  xustificada: "O importante era conseguir barcos". 
Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa (Foto: Arxina).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa (Foto: Arxina).

O director xeral de Petróleos Mexicanos (Pemex) Octavio Romero Oropeza afirmou recentemente que a 'Operación Pemex en Barreras fora "indubidabelmente un pésimo negocio" para a empresa mexicana.  

De feito, a paraestatal desfíxose de Barreras e ninguén quixo comprar os barcos encargados por ela ao estaleiro. "Cando estes barcos se ofreceron no mercado ninguén quería pagar máis que a metade do que custou construílos”, dixo Romero Oropeza.

Preguntado por Nós Diario na comparecencia após o Consello da Xunta, Núñez Feixoo manifestou que a operación de compra do estaleiro xustificábase pola necesidade de traer carga de traballo ás gradas de Barreras. "O importante era conseguir un barco", indica o presidente galego, pois o estaleiro tiña graves dificultades económicas.

Feixoo tamén considera "ilustrativas" as afirmacións do director xeral de Pemex, pois entende que se contrapoñen ao que "a oposición manifestaba na Galiza:"Durante moito tempo dixeron que era un mal negocio para a Galiza e bo para México e agora en México din que é malo para eles e bo para aquí". "Eu", concluíu, "quedo coas dúas manifestacións".

Next Generation

A comparecencia de Núñez Feixoo serviu tamén para afondar nas críticas do seu Goberno á repartición dos Fondos Next Generation por parte do Estado. "Estamos ante uns criterios do Goberno español centralistas e con enorme atraso", manifestou, acusado o Executivo estatal de "reservar para si" 63% dos fondos e deixar só 27% para as comunidades.

En apartados como a industria, engadiu, "o Ministerio  di que 100% dos 16.000 millóns de euros dos fondos europeos fican no Goberno español e non van ás autonomías". Feixoo bota contas e critica que a Galiza estea de número dez entre as comunidades na repartición per cápita dos fondos cando, di, "deberiamos ser das primeiras por ter un PIB por cabeza inferior á media estatal.

Recurso de inconstitucionalidade

O presidente anunciou que a Xunta vai presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o artigo 20 da Lei española de cambio climático polo perigo que supón "para 232 empresas da cadea mar-industria e máis de 3.000 edificacións, 2.600 delas vivendas". Un recurso, explicou, avalado polo Consello Consultivo e que se presenta ao non chegar a acordo con Madrid.

Día de Rosalía, 23 de febreiro

O Consello da Xunta aprobou onte cambiar o Día de Rosalía do 24 ao 23 de febreiro á luz  dos datos procedentes da investigación de Sagrado Abelleira e que permitiron determinar a data verdadeira de nacemento da poesía galega. 

Comentarios