O Estado só executou na Galiza o 57,5% do gasto previsto nos orzamentos do ano 2020

Madrid é a comunidade onde máis inviste o Estado

Unha cousa é o investimento previsto nos orzamento do Estado é outra o gasto real. Os dados da Intervención do Estado destes últimos anos certifican que Madrid é a comunidade máis beneficiada polos presupostos do Estado, até o punto de recibir en 2020 1.229 millóns de euros das contas públicas.

1
photo_camera A Porta do Sol en Madrid. Foto:Europa Press

A presidenta da comunidade madrileña, Isabel Díaz Ayuso foi das primeiras en denunciar o trato discriminatoria a Madrid nos orzamentos xerais do Estado de 2022. Segundo a mandataria popular, a capital estatal é unha das grandes prexudicadas nas contas públicas e contrapón a súa situación aos investimentos en Catalunya ou Euskadi. A esa mesma liña argumental apúntanse nos anos de Goberno de Sánchez os voceiros das formacións de dereita, quen critican un trato de favor a aqueles territorios dirixidos polas forzas nacionalistas que apoian desde o lexislativo o Executivo de coalición entre PSOE e Unidas Podemos.

As liquidacións dos  orzamentos elaboradas pola  Intervención do Estado desmenten eses argumentos. Así no seu informe de fiscalización do grao de execución dos investimentos do Executivo e dos seus organismos autónomos demostran que no exercicio 2020 Madrid é o territorio máis favorecido polas achegas do Estado, sumando 1.229 millóns de euros, isto é 272 millóns máis que Catalunya, a segunda comunidade en investimento estatal. Atrás, destes dous territorios colócanse Castela e León con 765 millóns, Castela- A Mancha con 760 millóns, Andalucía con 746 e Murcia con 546 millóns.

Galiza é un caso paradigmático de diverxencia entre o investimento previsto e o executado. Segundo os dados do informe de fiscalización Intervención do Estado, en 2020 as contas públicas recollían 895 millóns de euros para Galiza porén so sé gastaron 516 millóns de euros, situándose o nivel de execución en 57,5%.

O acontecido nesa anualidade repetiuse de xeito sistemático nos últimos cinco exercicios onde as partidas previstas para Galiza nos presupostos acadaron os 6.262 millóns de euros, investíndose unicamente 4.885 millóns de euros, isto é 22% menos do inicialmente presupostado.

O trato de favor a Madrid

Os orzamentos do Estado son outra mostra máis do trato de favor a Madrid. A este respecto, o Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE), un dos máis prestixiosos centros de estudos económicos europeos, ten sinalado nun traballado titulado “Madrid, capitalidade, economía do coñecemento e competencia fiscal” que  o apoio público á capital do Estado “reforza a tendencia á diverxencia entre Madrid e boa parte das rexións españolas, en lugar de actuar para compensar o proceso de polarización entre Madrid e boa parte das rexións españolas”.

O estudo do IVIE denuncia que o efecto capitalidade “inclina a actuación das autoridades centrais a favor das empresas localizadas nun territorio que conta cun nivel de renda por habitante moi por riba da media, ao celebrar moitos máis contratos con elas en lugar de amosar a neutralidade territorial que sería esixíbel con todo o tecido empresarial”.

Asemade, advirte que “o efecto esterno negativo sobre outras comunidades da competencia fiscal de Madrid reforza a tendencia á diverxencia rexional e xustificaría limitar as competencias, sobre todo por basearse nun aproveitamento das vantaxes derivadas dunha interpretación da capitalidade que non é territorialmente neutral”.

A situación de Madrid non se explica sen os beneficios da capitalidade. Neste sentido, a investigación do IVIE debruzase no seu papel como núcleo de comunicacións terrestres, aéreas e por camiños de ferro grazas ao deseño radial do Estado desde o século XVIII, nos efectos da concentración das institucións públicas, na súa capacidade para subtraer capital das áreas próximas, nos beneficios dos contratos públicos e na súa función, na opinión dos autores como “paraíso fiscal”. Así as cousas, enténdese que o presidente do Goberno valenciano, o socialista Ximo Puig chégase a cualificar nas Cortes do País Valencià a Madrid como “unha aspiradora que xera desigualdades en España”.

Comentarios