O Espazo Común Galeguista de Pachi Vázquez inicia a campaña en Ourense

A coalición aspira a situar Galiza "no sitio que lle corresponde"
Pachi Vázquez, esta sexta feira, en Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pachi Vázquez, esta sexta feira, en Ourense. (Foto: Nós Diario)

Espazo Común Galeguista comezou a campaña electoral na cidade de Ourense. O candidato da coalición a presidir a Xunta da Galiza e ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, estivo acompañado pola candidata da circunscrición da Coruña, Luísa Feixoo; Castor López, da circunscrición de lugo; e Xoán A. Cortés, da de Pontevedra, así como distintos de distintos integrantes das cinco formacións políticas que compoñen Espazo Común Galeguista (Espazo Común, Unidade Local, Compromiso por Galicia, Coalición Galega e Galicia Sempre).

Nas anteriores eleccións municipais Espazo Común presentou candidaturas nunha vintena de concellos da Galiza, obtendo un total de 13 representantes, tres máis que nos comicios de 2019. O crecemento debeuse en gran medida ao resultado de Vázquez no Carballiño, onde pasou de tres a cinco edís, os mesmos que o PP e só un menos que o PSOE.

Salienta tamén a representación lograda en Ames, da man da súa cabeza de lista, a ex socialista Luisa Feixoo, ou A Guarda, onde o único edil que logrou Espazo Común, Celso Rodríguez Fariñas, permitiu que obtivese o bastón de mando o popular Roberto Carrero, con oito escanos, tras 16 anos de gobernos do PSOE, que logrou tres representantes, mentres o BNG foi a segunda forza máis votada con cinco.

Porén, até o momento, ningún dos inquéritos publicados con vistas á cita electoral do 18-F dan representación ao Espazo Común Galeguista artellado arredor da figura de Pachi Vázquez, que aspira a organizar un “gran centro galleguista”, para que a Galiza “teña axenda propia” e “ocupe o sitio que lle corresponde”.

Comentarios