18-F

Espazo Común Galeguista, a coalición impulsada por Pachi Vázquez para as eleccións galegas

O ex secretario xeral do PSdeG confía en presentar listas nas catro circunscricións e asegura que xa están garantidas as candidaturas na Coruña, Lugo e Ourense.
Pachi Vázquez rexistrou hoxe no Parlamento galego a coalición electoral Espazo Común Galeguista. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pachi Vázquez rexistrou hoxe no Parlamento galego a coalición electoral Espazo Común Galeguista. (Foto: Europa Press)

O que fora secretario xeral do PSdeG e actual fundador e dirixente de Espazo Común, Manuel 'Pachi' Vázquez, rexistrou esta quinta feira diante da Xunta Electoral da Galiza a coalición Espazo Común Galeguista co obxectivo de presentarse ás eleccións do vindeiro 18 de febreiro nas catro circunscricións galegas. Espazo Común e Unidade Local asinan esta coalición á que o ex responsábel socialista e actual concelleiro da formación progresista que fundou no Carballiño espera que se unan máis partidos.

Polo de agora, tal e como detallou o propio Pachi Vázquez en declaracións aos medios desde o Parlamento de Galicia, sede da Xunta Electoral galega, contan con candidaturas para A Coruña, Lugo e Ourense, e confían en fechar nos próximos días unha lista máis, a cuarta, pola circunscrición de Pontevedra.

Nas anteriores eleccións municipais Espazo Común presentou candidaturas nunha vintena de concellos da Galiza, obtendo un total de 13 representantes, tres máis que nos comicios de 2019. O crecemento debeuse en gran medida ao resultado de Vázquez no Carballiño, onde pasou de tres a cinco edís, os mesmos que o PP e só un menos que o PSOE.

Salienta tamén a representación lograda en Ames, da man da súa cabeza de lista, a ex socialista Luisa Feijóo, ou A Guarda, onde o único edil que logrou Espazo Común, Celso Rodríguez Fariñas, permitiu que obtivese o bastón de mando o popular Roberto Carrero, con oito escanos, tras 16 anos de gobernos do PSOE, que logrou tres representantes, mentres o BNG foi a segunda forza máis votada con cinco.

Comentarios