257 referentes sociais e da cultura piden o voto para o BNG nas eleccións estatais do 23-X

As asinantes chaman a defender nas urnas "o interese do país".
bng decalogo 23-x
photo_camera Dani Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presaas durante a presentación das candidaturas ao 23-X (Foto: Nós Diario)

257 persoas alleas á formación nacionalista procedentes de diferentes ámbitos asinaron o manifesto Fronte á involución, un futuro de posibilidades que chama a concentrar o voto no BNG nas eleccións do 23-X como "alicerce dun proxecto de nación que nos faga recuperar a confianza en que outro mundo máis plural, xusto, igualitario e feliz é posíbel".

A iniciativa, "xurdida de xeito espontáneo e totalmente autónomo e independente", explican os promotores do manifesto, "sen contar con axuda partidaria", foi quen de acadarsinaturas de xente "moi diversa no político, no social e no territorial" e alentar un modesto debate neste ámbito sobre a "conveniencia ou non dun apoio máis ou menos puntual nestes comicios decisivos".

Destemodo, proseguen, "agardamos ter posto o noso grao de area para que, por riba de todo, estas sexan unhas eleccións nas que Galiza sexa protagonista e non só un caladoiro de votos subordinados que, logo, de nada serven en Madrid". As persoas que promoveron o manifesto son o editor Antón Mascato, o escritor e profesor Henrique del Bosque,  a docente e feminista Lola Varela e o historiador Dionisio Pereira.

Entre as sinaturas figuran escritores como Antón Riveiro Coello, Vítor Vaqueiro, Viale Moutinho,  Xosé Mª Álvarez Cáccamo; historiadores como Bernardo Máiz, Carlos Méixome ou Francisco Leira; editores como Afonso Ribas e Paco Macías; "veteranos militantes nacionalistas" como Xesús Sanxuás ou Elvira Souto; profesores universitarios como Margarita Ledo, Henrique Costas ou Xavier Simón; ou actores caso de Quico Cadaval ou Federico Pérez Rey.

Na lista tamén hai politólogos como David Rodríguez ou Millán Fernández; avogados ou ensaistas como Francisco Sampedro e Xoán Antón Pérez Lema; investigadores como Xosé Pintado ou Miguel Anxo Murado; pintores e debuxantes como Pepe Carreiro, Manuel Suárez ou Héitor Picallo; artistas e músicos como Eva Fernández, Xico de Carinho,  Marisol Palomo do grupo “Ialma”, Luz Darriba ou Xurxo Souto; activistas LGTBI caso de Laura Bugalho e Daniela Ferrández; antigos sindicalistas como Fermín Paz e Xosé A. López Pintos; xornalistas como Gustavo Luca de Tena, Belén Bouzas e Montse Fajardo....

"Nun intre en que a desmobilización da sociedade lastra calquera iniciativa colectiva, quixemos dirixirnos ás persoas que se reclaman das esquerdas e non están afiliadas ao BNG, coa certeza de que un voto a prol do Bloque nas vindeiras eleccións do 23-X posibilitaría un escenario máis favorábel para defender os intereses do país, propiciar políticas avanzadas e construír un dique contra o avance das dereitas máis reaccionarias, cuxas simpatías polo réxime franquista non se nos ocultan", conclúen.

Comentarios