18-F

O electorado no estranxeiro votará nos comicios galegos do 10 ao 15 de febreiro

As formacións políticas comezan a confeccionar as súas candidaturas.
O electorado galego está chamado ás urnas o próximo 18 de febreiro (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).
photo_camera O electorado galego está chamado ás urnas o próximo 18 de febreiro (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).

O electorado galego no estranxeiro poderá votar nas próximas eleccións galegas, que decorrerán o 18 de febreiro, ou ben por correo até o día 13, ou depositando o voto nas urnas habilitadas nos consulados entre os días 10 e 15 dese mesmo mes de febreiro. 

O Ministerio de Exteriores explicou que se se está de paso no estranxeiro, o elector ou electora deberá darse de alta como non residente, cubrir o impreso de solicitude de documentación electoral e envialo a través da oficina consular. A continuación, recibirá no domicilio indicado a documentación electoral por correo postal e votará por correo á mesa electoral correspondente na Galiza. 

Para as persoas residentes no estranxeiro, en primeiro lugar deberán comprobar se están incluídas nas listas do censo na sede electrónica do INE ou nas expostas na oficina consular e, se fora o caso, realizar reclamacións para corrixir erros. 

Se está no censo, recibirá no seu domicilio a documentación e poderá descargar as papeletas de voto correspondente. Así, unha vez aprobadas as candidaturas, recibirá no seu domicilio as papeletas correspondentes por correo postal e poderá votar por correo ou na urna habilitada na oficina consular. 

Listas electorais

As formacións políticas xa activaron os seus respectivos procesos para confeccionar as candidaturas para o 18-F, as cales terán que rexistrar entre o 10 e o 15 de xaneiro. BNG e PSOE terá xa as primeiras xuntanzas formais esta semana, ao igual que a promotora de Sumar Galicia comezará a barallar perfís de inmediato. O PP, pola súa parte, ve aínda marxe para completar as súas candidaturas. 

Comentarios