18-F

As eleccións, en cifras: cantas persoas teñen dereito a voto en cada circunscrición?

Unha de cada seis electoras e electores residen no estranxeiro.
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna nun colexio electoral de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna nun colexio electoral de Lugo o pasado 28 de maio, día das eleccións municipais. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Un total de 2.693.624 galegos e galegas poderán votar nas eleccións autonómicas que levarán a cabo o próximo 18 de febreiro, segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). Deles, 2.217.110 residen na Galiza e 476.514 no estranxeiro (17,6%). Ademais, 79.072 persoas poderán participar por primeira vez nunhas eleccións ao Parlamento galego, por faceren os 18 anos desde a anterior votación decorrida o 12 de xullo de 2020.

Por circunscricións, na Coruña serán 1.088.386 os galegos e gelgas con dereito a voto, sendo a máis ampla, seguida de Pontevedra, con 911.704 sufraxistas. En Lugo poderán emitir o seu voto 337.734 persoas e en Ourense, 355.800.

En canto ao voto de residentes no estranxeiro, o INE explica que non é necesaria solicitude previa, polo que a Oficina do Censo Electoral (OCE) enviará a todos eles a documentación necesaria para o voto en dous envíos independentes. Estes papeis tamén se poderán obter directamente nos centros de votación que estabeleza o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do 10 ao 15 de febreiro.

Por países, Arxentina é o que maior número de electores galegos contabiliza, con case 166.300 persoas, mentres que Cuba e Brasil superan os 45.000. O censo electoral de residentes no Estado español poderase consultar do 1 ao 8 de xaneiro nos concellos e nas delegacións provinciais da OCE. Os residentes no estranxeiro poderán comprobar os seus datos nesas mesmas datas nas oficinas consulares. Tamén está dispoñíbel na sede electrónica do INE.

Aliás, está dispoñíbel a opción de solicitar que non se lles envíe propaganda electoral por parte dos partidos políticos. Esta petición ten que realizarse antes do 8 de xaneiro. As tarxetas censuais nas que se informa da mesa e o local electoral enviaranse a partir do 29 de xaneiro.

Comentarios