18-F

As eleccións galegas serán o 18 de febreiro

Alfonso Rueda: "Convoco as eleccións para que Galiza siga sendo como é".
O presidente da Xunta da Galiza, hoxe, en rolda de prensa anunciando a convocatoria electoral. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, hoxe, en rolda de prensa anunciando a convocatoria electoral. (Foto: Arxina)

Acabou a especulación. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou que o día 18 de febreiro será a data en que teñan lugar as eleccións ao Parlamento da Galiza. Resólvese así a incógnita que se viña mantendo nos últimos meses polo que as urnas serán colocadas nos colexios electorais para escoller a composición da Cámara e, eventualmente, a persoa que ostentará a Presidencia da Xunta da Galiza. A próxima terza feira día 26 de decembro, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicará o decreto coa convocatoria.

En rolda de prensa esta quinta feira após o Consello da Xunta, o titular do Executivo galego, fixo o anuncio e maneira oficial. De entre as dúas datas principais que se barallaban, o 3 de marzo e o 18 de febreiro, Rueda escolleu a segunda, situando os comicios nas datas do entroido.

Continúa desta maneira un ciclo electoral que comezou o pasado 28 de maio, coas eleccións municipais. Data que foi seguida menos de dous meses despois, o 23 de xullo ,cando o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, convocaba a eleccións estatais tamén adiantando a data electoral.

Polo de agora non se coñece a data dos comicios vascos, mais podería ser a primeira vez en case 20 anos que a poboacións galega e vasca non vota o mesmo día composición dos seus parlamentos.

A campaña dará comezo na madrugada do 1 ao 2 de febreiro. Comezarán ese día 15 intensos días de campaña nos cales as formacións políticas tentarán captar o voto das galegas e galegos para se facer coa Presidencia da Xunta.

Comentarios