18-F

O ecosistema político galego resiste a españolización da campaña electoral

Foi a campaña das eleccións galegas máis españolizada de todas as desenvolvidas desde 1981. O continuo desembarco dos dirixentes políticos estatais e o temario imposto pola práctica totalidade das formacións non puideron co ecosistema político galego. Vox ficou fóra da Cámara e Sumar non logrou entrar.

Ayuso
photo_camera Isbael Díaz Ayuso felicitou onte o PP da Galiza polos resultados nun acto con Florentino Díaz. (Foto: Europa Press)

A españolización da campaña era unha necesidade de todas as formación políticas agás do BNG. Mentres o Partido Popular recorría aos temas e aos modos da política madrileña na súa lóxica de combate ao BNG e de acoso ao Executivo do Estado,  Partido Socialista de Galicia e Sumar botaban man dese mesmo fondo de armario co obxectivo de evitar unha sangría de votos en favor dos nacionalistas e tentar debilitar o liderado de Núñez Feixoo no PP para dar estabilidade ao seu Goberno.

A destacada  presenza de dirixentes estatais durante a campaña das galegas é unha boa mostra disto. Neste contexto, explícase o activo papel durante a campaña do presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, e dunha boa parte dos seus ministros así como do máximo responsábel do PP, Alberto Núñez Feixoo.

Vox fóra da Cámara

A táctica marcada polas forzas de obediencia estatal non puido co ecosistema político galego. Así, a formación ultraespañolista Vox volveu a ficar sen representación, ao lograr só 32.493 votos e unha porcentaxe de 2,19% dos sufraxios. Neste sentido, a Cámara galega é a única das autonómicas onde o partido de Santiago Abascal non logra obter ningún escano. A este respecto, o secretario xeral da organización, Ignacio Garriga prometeu unha “absoluta e total” autocrítica por non entrar no Parlamento e apostou por “redobrar os esforzos” e unha “maior presenza na rúa” para avanzar na Galiza.

Podemos e Sumar ficaron, tamén, por baixo dos seus obxectivos. Mentres a formación morada logrou 3.854 sufraxios e 0,2% dos votos, ficando na sexta praza e por baixo do Partido Ambientalista e co Medio Ambiente (PACMA), nun proceso moi complicado, o partido de Yolanda Díaz conseguiu 28.171 votos e unha porcentaxe de 1,9%, o que representa 19.181 votos menos que os alcanzados en 2020 por Galicia en Común, marca baixo a que concorreron en coalición con Anova naquela convocatoria.

Sumar rexistrou un fracaso na Galiza no seu peor momento. Mentres desde a dirección da formación apostaban por aproveitar o ciclo electoral na Galiza, Euskadi e Catalunya para dotarse dunha estrutura organizativa no ámbito territorial, os resultados do domingo poñen en cuestión esta táctica. Neste contexto, as posibilidades desta formación de asentar unha base mínima no país complícanse en extremo e debilitan as formacións de ámbito local que apoiaron esta alternativa.

As cifras do pasado domingo desmenten a análise estendida por diversos sectores de opinión, que pretenden explicar os resultados electorais como un mero movemento de sufraxios dentro dos bloques ideolóxicos da esquerda e da dereita. Segundo esta tese, a suba en porcentaxe de voto do BNG respondería a concentración nas súas siglas dunha porcentaxe do electorado que nos anteriores comicios galegos optou polo PSdeG ou por Galicia en Común

O movemento de votos

O BNG gañou 155.734 votos en relación a 2020 e incrementou a súa porcentaxe de sufraxios en 7,8 puntos, pasando de 23,7% a 31,5%. Pola súa banda, o PSdeG perdeu 46.056 sufraxios en relación co anterior convocatoria electoral e caeu en 5,3 puntos, baixando a suma de Podemos e Sumar en 19.335 votos e 1,7 puntos en referencia con Galicia en Común en 2020, polo que un mínimo de 65.391 sufraxios dos nacionalistas procedería de novos electores e electoras ou da abstención.

A porcentaxe electoral dos comicios do domingo sitúa ao BNG por enriba dunha boa parte das organizacións nacionalistas do Estado con responsabilidades do Goberno nos seus países. Así, só alcanza unha cifra de votos máis elevada que a formación liderada por Ana Pontón, o Partido Nacionalista Vasco, que nas eleccións de 2020 chegou a 39,0%, nunha convocatoria onde Bildu ficou en 27,8%, 3,7 puntos por baixo dos nacionalistas galegos.

O voto do BNG supera a porcentaxe de votos das tres forzas nacionalistas con presenza na Cámara catalá. Así, nos últimos comicios para a elección do Goberno dese país, desenvolvidos 2021, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) logrou 21,3%, Junts per Catalunya (JxCat) 20,0% e Candidatura d'Unitat Popular 6,6%.

A cuestión da plurinacionalidade

Os resultados electorais dos comicios galegos do pasado domingo volven pór no primeiro plano o debate da plurinacionalidade. A maioría absoluta do PP non dá para agochar a existencia dunha significativa porcentaxe da poboación galega que demandan outro papel para o país.

Comentarios