Opinión

Galiza non se escribe con z de Madriz

Hai 99 anos producíase en Al-Hoceima (Alhucemas na deturpación española) un desembarco aeronaval co obxectivo militar de eliminar a resistencia rifeña ao colonialismo español en Marrocos. A operación, planificada de xeito exhaustivo, foi protagonizada por mandos militares españois de infausta lembranza e recoñecida crueldade e significouse como precursora doutros desembarcos posteriores, como o de Normandía. E non só.

99 anos despois, na Galiza, ten lugar outra operación de desembarco por parte do españolismo. Neste caso xa non son precisos buques anfibios, apoio aéreo nin cobertura naval, mais si un continxente considerábel de efectivos de diverso tipo e roupaxe política. Así, desde o propio presidente e ex presidentes, ministras do goberno español (das dúas pólas) e ex ministros, presidentes e presidentas de comunidades autónomas (só do PP, once!!), deputadas e ex deputados no Congreso e outros moitos cargos de inferior status institucional recalaron na Galiza, basicamente por vía aerotransportada, e en menor medida terrestre. Algúns deles bastante descoñecidos, por certo, mais tanto ten. Porque o importante é que veñan de Madrid. Iso si que mola.

O protocolo a seguir consiste, ao chegar, e antes de máis, en catar e degustar produto de calidade, da terra ou do mar, e destacar as súas propiedades, sabor e limitado prezo, e a continuación dirixirse ao mitin, con fartura. É aí onde xa se permiten dar leccións sobre o que temos que facer, como e cando. Sobre o que nos convén e o que non. Pontificando sobre os perigos do nacionalismo galego e a necesidade dunha Galiza servil e por tanto funcional para o Estado. Reproducindo, en esencia, o clásico esquema outorgado para o noso pobo: autonegación excluínte do propio e fascinante sedución polo alleo. Ou máis desigualdade e subordinación fronte a un supremacismo rampante que aspira á mutación deste pobo, reconverténdonos en seres madrileños/españois atrapados en corpos de galegos.

Obrigado especialmente, Ayuso, por nos abrir os ollos. Por ter a capacidade de incluír na mesma frase o apoio a Javier Milei (si, o mesmo presidente que alén de procurar miseria no seu país, pretende expulsar a frota galega da Arxentina, por se non o sabías), ETA, Rusia, suba de impostos, imposición do galego na Galiza, ruptura de España e, sobre todo, esa visión bucólica e pastoril, mansa, resignada e domesticada do noso país. Bonita caldeirada.

Porén, hai momentos da historia en que temos demostrado, colectivamente, que somos un pobo vivo que sabe defender o seu. Con todas as nosas carencias, que as temos, somos unha nación digna que é quen de se valer por si propia. Demostrémolo.

P.D. Para quen padeza risco de debilidade ideolóxica, recomendo vivamente escoitar/ler as opinións "ponderadas" (e ben pagas) sobre o nacionalismo galego de Jiménez Losantos, Caneiro, Rubido ou Blanco Valdés, entre outros. Infinitas grazas por contribuíren, inconscientemente, a crear orgullo de noso e consciencia nacional no noso país.

Comentarios