18-F

Vox suma un novo fracaso na Galiza, único territorio do Estado onde continúa sen ter representación

O apoio electoral da formación ultraespañolista fica en 2,2%.
O presidente de Vox, Santiago Abascal, durante un acto de precampaña en Eivissa (Illes Balears). (Foto: Germán Lama  Europa Press)
photo_camera O presidente de Vox, Santiago Abascal. (Foto: Germán Lama / Europa Press)

Vox volveu bater coa Galiza, o único territorio do Estado onte non tiña representación, e onde seguirá sen tela após este domingo electoral. A formación ultraespañolista volta fracasar na Galiza e apenas logrou 30.000 votos entre as catro circunscricións electorais.

Vox fica así fóra Parlamento galego, tal e como auguraban todas as enquisas, e a Galiza permanece como o único territorio do Estado español no que os de Santiago Abascal non teñen presenza. Toda a súa representación limítase a unha concelleira en Avión, na comarca do Ribeiro. Onte, nese municipio, o apoio recibido limitouse a 27 sufraxios.

En concreto, cun 99% escrutado, os de Santiago Abascal lograron este domingo 2,19% dos votos nesta xornada electoral, fronte aos 2,05% das anteriores eleccións. A porcentaxe fica lonxe do limiar do 5% necesario para obter asentos no Parlamento galego.

Ao ser a Galiza o único territorio no que Vox non ten presenza no Parlamento, as expectativas dos de Santiago Abascal para este 18-F non eran moi altas e resumíanse en conseguir representación. Cuns asentos na Cámara galega, a idea da formación pasaba por condicionar o Goberno galego, ao tempo de lograr un espazo para o seu discurso ultraespañolista.

Os de Santiago Abascal vían posibilidades na Coruña e Pontevedra, que son as provincias galegas onde lograron máis votos nas eleccións de 2020: un 2,12% e un 1,96%, respectivamente. De feito, foi nestes dous lugares onde o líder de Vox se centrou durante a campaña, especialmente na Coruña. Alí desenvolvéronse a apertura e o feche e visitou diversas localidades da circusncrición electoral en varias ocasións no marco da campaña.

A Galiza é unha autonomía historicamente complicada para os de Santiago Abascal. O mellor resultado cultivado pola formación alí foi nas estatais de novembro de 2019, onde obtiveron máis de 116.000 votos, 7,91% dos sufraxios. Os seus resultados xa diminuíron no 23-X, cando lograron algo máis de 77.000 votos, o 4,7%.

Comentarios