18-F

PNV, EH Bildu e ERC destacan o avance do BNG

O presidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, felicitou a líder do BNG, Ana Pontón, polo seu resultado nas eleccións galegas, que cualificou de "histórico" e que, ao seu xuízo, reforza "a política valente e progresista".

Imanol Pradales Gil. (Foto: Deputación de Bizkaia)
photo_camera Imanol Pradales Gil. (Foto: Deputación de Bizkaia)

O candidato a lehendakari do PNV, Imanol Pradales, destacou esta segunda feira "o grande avance" obtido polo BNG nas eleccións galegas, e considerou, que a pesar de que o PP revalidase a maioría absoluta, tanto a propia formación popular como o PSOE saen "debilitados" dos comicios, porque ambos perderon representación no Parlamento galego.

Nunha entrevista concedida a Euskadi Irratia, recollida por Europa Press, Pradales subliñou tamén a alta participación na xornada electoral do domingo na Galiza, que foi de 67,3% "quizais porque non estamos afeitos que ver unha participación tan alta".

En canto á lectura que fai dos resultados dos partidos, Pradales, aplaudiu "o grande avance" logrado polo BNG, que "no últimos oito anos pasou de 5-6 a 25 escanos", e considerou que, desde o punto de vista do nacionalismo, "para min é unha moi boa noticias".

Ademais, o candidato a lehendakari do PNV afirmou que, na foto electoral, vese a un PP "firme", aínda que incidiu máis en "a influencia que tivo o marco de España" nos comicios, xa que, a formación popular perdeu dous escanos respecto ás eleccións anteriores e o PSOE cinco". "O marco de España tivo unha influencia contraria nos partidos españois", engadiu.

Así mesmo, o dirixente jeltzale sinalou que a situación da Galiza tras os resultados das eleccións "débese ler en chave de Galiza", aínda que asegurou que "PP e PSOE van xogar coas eleccións galegas e van facer unha lectura na que Feixoo refórzase e Sánchez debilítase".

"Creo que ambos os dous saen debilitados como partidos políticos, e aí están os resultados, aínda que si é certo que, como o PP revalidou a maioría absoluta, van facer lecturas diferentes desde PP e PSOE", explicou.

Arnaldo Otegi

O coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, destacou o "extraordinario" resultado obtido polo BNG nas eleccións galegas e resaltou que é "a forza de futuro" na Galiza e é a forza coa que haberá que contar tamén para facer o debate territorial no Estado

Otegi, en rolda de prensa en Donostia, preguntado polos recentes comicios galegos, insistiu en que "o partido que sobe na Galiza nestas eleccións é o BNG", aínda que o Partido Popular "mantivo os seus resultados, cunha participación maior".

Nesa liña, apelou a "ir aos datos en termos de bloques ideolóxicos, en termos de quen sostén un goberno de oportunidade no Estado e quen non". "Se un suma, máis aló dos escanos, entre o PP e Vox fan 747.000 votos e entre o BNG e o PSG fan 707.000, que se se lles suma os de Sumar e Podemos son parecidos, é dicir, que non houbo tal abafadora maioría por parte do PP", explicou.

Aragonés parabeniza o BNG: “"Reforza a política valente e progresista"

O presidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, felicitou a líder do BNG, Ana Pontón, polo seu resultado nas eleccións galegas, que cualificou de "histórico" e que, ao seu xuízo, reforza "a política valente e progresista". "Parabéns BNG e Ana Pontón por este resultado histórico. Un resultado que reforza, como nunca, a política valente e progresista que representa, poñendo á cidadanía, os seus dereitos e liberdades á cabeza", escribiu nunha mensaxe na rede social X.

A portavoz de ERC, Raquel Sans, celebrou esta segunda feira o resultado "histórico e heroico" do BNG nas eleccións galegas, mais lamentou que non se puido desbancar a maioría absoluta dos populares. En rolda de prensa, Sans parabenizou á candidata do BNG, Ana Pontón, polo "traballo ben feito" cun proxecto sobre proximidade e cunha mirada de esquerdas, que soubo chegar á cidadanía.

O portavoz de Junts, Josep Rius, tamén parabenizou o BNG polos seus resultados e asegurou que non parece que haxa correlación algunha entre os resultados do PSdeG e a amnistía. "Facer extrapolacións é sempre delicado. O PSOE perdeu votos en Galicia en favor dunha formación soberanista e que defendeu a amnistía. Non parece que teña que haber unha correlación ou unha relación causa-efecto entre unha cuestión e a outra", apuntou en rolda de prensa.

Comentarios