28-M

A división interna do PP paira nos actos de Rueda en Ortigueira e Vilalba

O presidente galego presenta o PP como única alternativa a Sánchez.
Valentín Calvín e Alfonso Rueda, en Ortigueira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín Calvín e Alfonso Rueda, en Ortigueira. (Foto: Nós Diario)

Alfonso Rueda acudiu a Ortigueira para apoiar o candidato popular, Valentín Calvín, convencido da posibilidade dun cambio político na capital de Ortegal. Neste sentido, afirmou “aquí houbo oportunidade de gobernar, pero non gobernamos porque outros non quixeron”. Así, asegurou, que “esa vitoria será posíbel porque o PP cumpre en Ortigueira os requisitos necesarios para alcanzar a vitoria: ter un candidato que vén aprendido e un partido unido”.

A división interna do partido pairou sobre a intervención de Rueda. Nesta dirección, o presidente da Xunta da Galiza asegurou que “e o momento de unirse e de ir todos a unha con fortaleza. Porque só iso leva á vitoria e porque todos sabemos que as divisións e a fragmentación do voto nunca serven para nada bo”. O mandatario galego indicou que “non dá o mesmo quen goberna un concello”. A este respecto, explicou que “é preciso que a cidadanía conte con representantes que saiban presentar e dirixir proxectos, especialmente nun concello co potencial de Ortigueira”.

Rueda expuxo que “fronte a outros que levan anos instalados no ‘non polo non’ a todo aquilo que non se lles ocorre a eles, nós si cremos que é o momento de que Ortigueira rexurda e que o faga con sentidiño”.

Rueda rematou a xornada en Vilalba. Neste antigo bastión popular, puxo de manifesto que “o Partido Popular é a única alternativa tanto en Vilalba como na Galiza fronte a un PSOE que cambia de criterio cada día e que só está unido en apoiar a Pedro Sánchez, un BNG que busca afastar os galegos do resto de España e duns Podemos e mareas que crean un partido novo con nome diferente cada media hora”.

Comentarios