Dimite José Ángel Vázquez, edil socialista en Ourense, tras apoiar o PSdeG unha modificación de crédito de Xácome

Barqueiro xustifica o paso dadas as súas "diferentes obrigacións profesionais" e afirma que seguirá militando no PSOE.

José Ángel Vázquez Barqueiro. (Foto: Nós Diario)
José Ángel Vázquez Barqueiro. (Foto: Nós Diario)

O até o de agora edil do PSdeG José Ángel Vázquez Barqueiro anunciou esta quinta feira a súa intención de dimitir, na mesma xornada na que o seu partido votou a favor dunha modificación de crédito impulsada polo Goberno que encabeza Gonzalo Pérez Xácome de 25,7 millóns de euros.

Foi na sesión plenaria onde o rexedor descartou recorrer á cuestión de confianza da que avisaba a pasada segunda feira nun comunicado se non saían adiante as súas propostas. Así mesmo, agradeceu ao grupo socialista o seu apoio por "pensar na cidade, non como os demais partidos".

Aliás, Vázquez non estivo presente no pleno, ao ter que impartir clase no campus ourensán. E precisamente os motivos profesionais foron os que alegou para deixar a súa acta na corporación da cidade das Burgas. Así, comunicou a súa intención de dimitir, atribuíndo a súa decisión a que, dadas as súas "diferentes obrigacións profesionais", nestes momentos resúltalle "imposíbel" compatibilizar a súa actividade laboral coas obrigas que supón a representación da veciñanza no Concello de Ourense.

"Seguirei militando no PSOE"

"Moi ao meu pesar, véxome na necesidade de dimitir como concelleiro", transmitiu, á espera de poder formalizar o paso. En todo caso, conclúe que seguirá militando no PSOE e tratará "por todos os medios de construír un mundo mellor"

25 millóns de euros nunha modificación de crédito

O pleno de Ourense aprobou esta quinta feira unha modificación de crédito de 25,7 millóns de euros grazas ao voto favorábel da formación socialista. Porén, foi rexeitado outro de 2,9 millóns ao contar con voto desfavorábel de toda a oposición: BNG, PP e PSdeG.

Foi nunha sesión extraordinaria na que o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, descartou recorrer á cuestión de confianza formulada a pasada segunda feira nun comunicado. Alías, aproveitou a ocasión para agradecer á formación socialista o seu apoio.

Respecto ao créditos modificados, o grupo do goberno de Democracia Ourensá (DO) explicou que se planificaron para destinalos a "diferentes áreas municipais", entre elas a reparación de rúas e parques, artes e festexos, servizos sociais, reparación de edificios públicos ou a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

María Fernández, edil do PSdeG, insistiu que o grupo socialista emitiu o seu voto favorábel para “comprobar se ao alcalde lle interesa realmente facer algo” ou “se só lle interesa o ruído” e indicou que esta modificación servirá para confirmar se o Executivo local “carece de vontade política ou non”.

Desde a formación do BNG, o seu portavoz Luís Seara apuntaba ao rexedor por "recorres a expedientes en lote" cando "antes o cuestionaba e rexeitaba amargamente". Alías, apuntaron que os expedientes son “unha radiografía perfecta da falta de planificación e incapacidade” do Goberno municipal”. “Vostedes fa un totum revolutum mesturando todo para obrigar aos grupos locais a tragar sacos, a chave é que non ten o máis mínimo interese en que votemos a favor”, engadiu Seara.  

Pola súa parte, a portavoz do PP, Ana Méndez, criticaba que se levasen a pleno municipal dúas propostas económicas "sen consenso nin negociación" e sinalou que “as cousas non se poden traer así”. Ademais, lembrou que os orzamentos municipais se aprobaron grazas á abstención da formación popular.

Comentarios