A dimisión de técnicos que terían que avaliar Altri chega ao Parlamento: "Por que coloca no seu sitio comisarios políticos do PP?"

Altri, máis unha vez, protagonizou a sesión de control no Parlamento ao presidente da Xunta da Galiza. Desta vez, cun debate entre Alfonso Rueda e a portavoz do BNG, Ana Pontón, centrado nos técnicos encargados de avaliar o proxecto da pasteira para a A Ulloa. Rueda, acusando a nacionalista de "coaccionar" o persoal encargado de elaborar os informes. Pontón, preguntando polas dimisións e renuncias de técnicos que terían que facer as avaliacións. 
Sen titulo
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Gómez Besteiro durante a sesión de control. (Foto: Arxina)

Alfonso Rueda despregou ante a pregunta sobre Altri na sesión de controla a liña argumental que vén mantendo desde hai semanas: a autorización á celulosa é un tema estritamente técnico, que depende unicamente do persoal da Administración encargado de valorar o proxecto. Calquera crítica, pois, ás autorizacións a Altri son, en palabras do presidente, "unha coacción" aos técnicos e incluso unha "actitude perigosa para a democracia". "Pida perdón a todos os funcionarios e técnicos", instou Alfonso Rueda a Ana Pontón.

A portavoz nacionalista non quixo escapulirse deste argumento no que se enrocar o titular da Xunta. "Deixe de mentir e de agocharse detrás dos técnicos, a decisión sobre Altri vai ser política", asegurou ao presidente.

Pontón deulle a volta ao argumento dos técnicos defendido polo presidente. "Só lle gustan os informes que lle dan a razón", afirmou, e lembrou como o titular da Xunta 'obvia' non poucos informes de técnicos, "cando non lle gustan", e citou o do Instituto Galego de Estatística sobre a crise do galego, o do Consello de Contas do sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro ou o do Consello da Cultura ao redor dos riscos da implantación de Altri. "Por que dimiten algúns técnicos [encargados de avaliar Altri] e para substituílos coloca comisarios políticos do PP?", preguntou directamente a Rueda. Non houbo resposta do presidente, que afirmou que "se cumpre a lexislación" haberá Altri na Ulloa.

"Galiza precisa de proxectos para que a xente traballe aquí", sinalou. "Non ten proxecto industrial de futuro para a Galiza", retrucou a portavoz do BNG, que acusou o Goberno galego de "recuperar o franquismo industrial das celulosas".

Besteiro critica a política de vivenda da Xunta

O portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, levou á sesión de control o que cualificou como “a voz da Galiza real”, a mesma que "o PP ignora e condena a máis desigualdades".

Besteiro centrouse na "emerxencia social" que afirma que supón a situación da vivenda na Galiza. "Hai máis de 19.000 persoas en lista de espera para un aluguer mentres o PP leva 15 anos sen facer nada”, denunciou. Gómez Besteiro acusou a Rueda de fomentar un modelo "especulativo" onde os prezos aumentaron en 50% nestes 10 anos. Fronte a esta "parálise",

Besteiro puxo sobre a mesa de novo a proposta dun Banco Público de Aluguer e pediu a Rueda que "explique que fixo cos 526 millóns de euros transferidos polo Goberno de España para políticas de vivenda".

O titular da Xunta da Galiza cargou contra a política de vivenda do Executivo estatal e puxo como exemplo do compromiso do seu Goberno o aumento nestes anos das partidas destinadas a vivenda nos Orzamentos da Xunta.

Comentarios