O PP prepara cambios profundos no vindeiro Goberno galego

Calvo e Candia aspiran a entrar no Goberno galego

Alberto Núñez Feixoo agora está decidido a acelerar a súa substitución á fronte da Xunta da Galiza. Mentres se suceden os contactos entre os principais dirixentes do partido coa vista posta na conformación do vindeiro Executivo galego, saen á luz as diverxencias entre as diferentes familias do partido. Os populares galegos agardan ter resolto o recambio na Presidencia da Xunta á volta da Semana Santa.

Comparecencia do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.  (Foto: David Cabezón)
photo_camera Comparecencia do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón)

Alfonso Rueda é o candidato mellor situado para substituír Feixoo. Malia o distanciamento dos últimos anos co presidente galego, e moi particularmente co seu grupo de confianza, e os malos resultados obtidos polo PP na circunscrición de Pontevedra, onde exerce de presidente da formación, xoga ao seu favor o coñecemento da Administración galega e do partido, así como unha experiencia política e de xestión que ningún outro posíbel candidato atesoura.

A opción de Rueda non gusta entre a militancia e os cadros medios do partido por consideralo un candidato sen tirón electoral para manter a Presidencia da Xunta da Galiza. Ao tempo, cuestionan a súa capacidade para articular consensos e coser feridas, nun partido que require de moita unidade para enfrontar con garantías o proceso de eleccións locais de 2023.

Precisamente, estes comicios van operar como una sorte de primarias para as estatais de 2024 e as galegas de 2025, polo que un mal resultado lastraría o partido nos seguintes procesos electorais.

Rueda, sen rival

A posibilidade dun candidato alternativo a Rueda perde forza. A este respecto, a opción de Diego Calvo ou de José Manuel Baltar semella neste momento descartada, malia o interese amosado por ambos en 2017, cando se prevía a marcha a Madrid de Feixoo para substituír a Raxoi. As razóns do paso atrás dun e doutro derívanse da ausencia de apoios fóra do seu territorio pero sobre todo dos contactos mantidos con Rueda e da disposición deste a darlles peso no seu Goberno.

Os populares dan por descontada unha renovación a fondo do vindeiro Executivo galego que teña en conta a correlación de forzas internas no partido. Nesta liña, unha parte dos actuais conselleiros, particularmente aqueles designados por Feixoo contra o criterio dos seus aparatos provinciais, quedarían fóra do novo Gabinete.

Nesta situación, atoparíase o actual responsábel de Medio Rural, José González Vázquez, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ou mesmo  o titular de Industria, Francisco Conde.

As fontes do PP galego consultadas por Nós Diario dan por segura a entrada no Goberno de persoas propostas polos presidentes do partido na Coruña, Lugo e Ourense. Así, non descartan a aterraxe de Diego Calvo na Xunta como vicepresidente, de Elena Candia, quen nunca agochou a súa ambición de dirixir a Consellaría de Medio Rural, ou de alguén do círculo de Baltar, que tamén ambiciona esa responsabilidade.

A intención dos populares é deixar encarreirada a sucesión ao longo destes días e presentar o novo Executivo á volta da Semana Santa. Na mesma liña, estudan acometer canto antes os cambios na dirección do partido para sacar a formación da actual situación de interinidade.

Comentarios