Elena Candia: "O mantemento e a creación de traballo é unha prioridade"

En 2015 Elena Candia gañou a Alcaldía de Mondoñedo e a Presidencia da Deputación de Lugo. Agora lidera a candidatura luguesa do PP ao Parlamento. Coa proximidade que a caracteriza, atende Nós Diario.
A popular Elena Candia vén de deixar a Alcaldía de Mondoñedo para encabezar a lista do PP por Lugo.
photo_camera A popular Elena Candia vén de deixar a Alcaldía de Mondoñedo para encabezar a lista do PP por Lugo.

—Considera Mondoñedo como exemplo para o rural galego?

A chave está en localizar as fortalezas, estabelecer colaboracións con outras Administracións e marcar a folla de ruta. Isto facémolo en Mondoñedo e é extrapolábel a calquera territorio.

No noso caso, identificamos as potencialidades que temos, como o casco histórico ou a situación xeográfica, atraemos investimento traballando coa Xunta e impulsamos valor como a marca de garantía Horta de Mondoñedo.

—Como ve a crise industrial na comarca da Mariña?

O mantemento e a creación de traballo é prioritario para a Xunta. A posibilidade inmediata de que se fixe un prezo da tarifa eléctrica estábel e competitivo podería garantir o mantemento dos postos en Alcoa. Todas as Administracións deben amosar unidade.

—Está a Xunta á altura?

A Xunta puxo enriba da mesa compromisos importantes, como demostrou o investimento no gaseoduto da Mariña. O que está dentro das súas competencias ofreceuno, traballando coordinadamente co comité e con outras comunidades autónomas. A Xunta traballa buscando propostas en positivo.

No caso de Mobles Hermida, en Lourenzá, a causa do feche é diferente e hai moitas familias buscando traballo porque a relación laboral xa rematou. Temos que estar tamén neste caso do lado dos traballadores, impulsando o emprendemento e con apoio.

—Na Mariña houbo fortes mobilizacións contra o desmantelamento do Hospital da Costa.

A ampliación do hospital publico da Mariña é unha realidade. O investimento económico foi importante e o mantemento dos servizos foi incuestionábel.

—Porén a oposición critica que a ampliación só foi do edificio e non do persoal.

A oposición non quere ver os números e cifras, mais eu quero pór en valor todo o investimento realizado no gran hospital da Mariña, e digo grande non polo edificio senón polo gran persoal que nos coida e atende e ao que quero agradecer o seu enorme traballo na crise sanitaria.

—Como ve a situación das mulleres coa sobrecarga dos coidados?

Todos os mecanismos de axuda postos en marcha pola Xunta, como o cheque para contratar coidadora, amosan sensibilidade. Con todo, a responsabilidade dos coidados ten que ser compartida polos homes e as mulleres.

Máis en POLÍTICA
Comentarios