18-F

Díaz chama a votar a Sumar porque "non abonda con PSdeG e BNG" e Lois comprométese a "negociar unha coalición o primeiro día"

"Cando deixemos a Rueda fóra, porque se se vota a Sumar, Rueda cae, comprométome desde o primeiro día a negociar un goberno de coalición", afirma a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta.
Jorge Suárez, Yolanda Díaz, Marta Lois e Iñigo Errejón, este sábado, no acto de Sumar en Ferrol. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)
photo_camera Jorge Suárez, Yolanda Díaz, Marta Lois e Iñigo Errejón, este sábado, no acto de Sumar en Ferrol. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)

A cabeza de lista de Sumar, Marta Lois, explicitou este sábado, segundo día da carreira electoral, a "convicción" de que esta formación conseguirá entrar no Parlamento da Galiza e, a maiores, afirmou: "Se deixamos a [Alfonso] Rueda fóra, comprométome o primeiro día a negociar unha coalición". Lois é a primeira candidata que introduciu esta cuestión nun mitin electoral, a un día de que as tres forzas políticas coincidan na manifestación en defensa da sanidade pública, en Santiago de Compostela. Esta mobilización, que estaba fixada antes de que se soubese a cita electoral, suporá a primeira coincidencia das forzas da esquerda nesta carreira cara ás urnas e terá lugar un día antes do debate electoral da CRTVG, no que tamén estará.

"Cando deixemos a Rueda fóra, porque se se vota a Sumar, Rueda cae, comprométome desde o primeiro día a negociar un goberno de coalición, no que Sumar Galicia vai empurrar as políticas transformadoras e valentes que necesita o noso país", salientou Marta Lois, quen apelou tamén ao voto feminista para conseguir o cambio político en quince días.

Lois estivo arroupada pola vicepresidenta segunda do Goberno español, ministra de Traballo e líder de Sumar, Yolanda Díaz; o seu sucesor na portavocía de Sumar no Congreso, Íñigo Errejón, e o ex rexedor de Ferrol e candidato ás eleccións galegas, Jorge Suárez.

Na súa intervención, Díaz engadiu: "Con PSdeG e BNG non chega, así Rueda está tranquilo". "Pídovos o voto a Marta Lois, que concentredes o voto en Sumar como fixestes o 23 de xullo para poder gañar a Xunta. Non me crían que eramos a forza decisiva para ter un goberno de coalición progresista", apelou a vicepresidenta, quen advertiu: "Se Sumar non sacase o resultado que sacamos, hoxe sería presidente Feixoo e vicepresidente Abascal".

"Agora mesmo a Xunta da Galiza pasa polo mesmo, exactamente o mesmo. Non chega con PSdeG e Bloque, así Rueda está tranquilo. Votade a Sumar, votade a Marta Lois", insistiu. Yolanda Díaz chamou a "anticipar a primavera" para "poder sorrir con esperanza por un futuro na Galiza, e un futuro mellor". "Porque queremos un país no que os nosos fillos non teñan que emigrar, porque o país do PP regala maletas aos mellores expedientes académicos", incidiu Díaz.

A líder de Sumar remarcou que Marta Lois é unha "boa persoa" e "está nas súas mans que Rueda saia da Xunta da Galiza". "Se votamos Sumar, Rueda cae", remarcou Díaz, quen no seu discurso apelou ao sindicalismo, aos traballadores que reivindicaron nas rúas os dereitos laborais e ás mulleres e feministas, como Concepción Arenal.

Comentarios