A web da descarga de papeletas para votar desde o estranxeiro o 18-F está en castelán e inglés mais non en galego

Denúnciao nas redes o profesor e lfilólogo Carlos Callón.

papeleta castelán e imglés web
photo_camera (Imaxe: @carloscallon)

Miles de galegos e galegas que residen no estranxeiro teñen dereito a votar nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro. Case medio millón de residentes no exterior teñen dereito a voto neses comicios.

Este dereito poden exercelo votando por correo ou no consulado. Para a primeira opción hai a escolla de baixar as papeletas desde unha páxina oficial mais “Esa páxina OFICIAL para as eleccións GALEGAS exclúe o galego…", como denuncia nas redes Carlos Callón, escritor, profesor e filólogo.

“As persoas que residimos noutros estados podemos votar para as eleccións galegas no consulado ou por correo. Para isto último, dinnos que se poden baixar as papeletas desde unha páxina oficial. Esa páxina OFICIAL para as eleccións GALEGAS exclúe o galego…”

Acompaña a denuncia dunha imaxe da páxina, onde a información está en dous idiomas, español e inglés, non en galego. “Castelán por un lado e inglés polo outro. Xa quería saber eu en que punto da Constitución se di que o inglés é máis oficial que o galego, non é?”, engade nun chío posterior.

Dos 2.693.624 de galegos e galegas que poderán votar o 18-F, segundo os datos que publicou onte o Instituto Nacional de Estatística (INE), 2.217.110 residen na Galiza e 476.514 no estranxeiro.

As persoas inscritas no Censo electoral de españois residentes-ausentes que viven no estranxeiro (CERA) representan 17,5% do corpo electoral galego, alcanzando en circunscricións como Ourense case 29%. Só ao redor de 30% do total das cidadás e cidadáns inscritos no CERA naceron na Galiza. 

Comentarios