Os deputados de En Marea acredítanse coa incógnita aberta sobre o grupo parlamentar

Podemos intensifica conversas e negociacións co resto de partidos para que a coligazón que logrou 6 escanos teña grupo de seu no Congreso. En Marea vai alegar a prol das súas teses un informe xurídico elaborado por Carlos Aymaerich.

En Marea @ivanxil
photo_camera Foto: @ivanxil

Os deputados electos de En Marea acredítanse esta sexta feira nas Cortes españolas e recollen as súas actas sen saber aínda a ciencia certa se van ter grupo parlamentar propio. Que En Marea, Compromís-Podemos e En Comú Podem teñan grupo de seu é, de feito, o debate político-mediático do momento na capital do Estado e non só alí. De feito, 'El País' editorializa sobre esta cuestión en 'Fraude de lei', partillando as mesma expresión empregada polo PP para se referir á pretensión de Podemos de que haxa estes grupos.

Os medios apontan a que Podemos non ten apoio do resto de grupos maioritarios para que haxa eses 3 grupos parlamentares na Cámara. O partido de Pablo Iglesias considera unha “liña vermella” para calquera diálogo ou negociación que se permita eses grupos. E o día 13 de xaneiro é a data para se conformar a Mesa do Congreso e elexir o seu presidente.

A través de Carolina Bescansa Podemos trasladou a principios desta semana ao PSOE a importancia que para os de Iglesias ten esta cuestión. E Íñigo Errejón argumenta que eses grupos reflictían a “plurinacionalidade de España”, para alén de que os resultados nas urnas outorgan dereito a ter esa representación propia. O número 2 de Podemos invoca o argumentario futbolístico de que “o que se gaña no campo que non se perda nos despachos”.

Mais no Congreso español saído da Transición (e tamén noutras Cámaras lexislativas da contorna) os despachos deciden, e moito, sobre os grupos parlamentares. O Regulamento dá marxe de interpretación e a leitura tradicional que se fixo nestes casos foi a de negar eses grupos. Pasoulle ao PSC a principios dos 80, ao que se impediu formar grupo propio. Mais nestas tres décadas non faltaron as decisións discrecionais, negando a determinadas formacións (por exemplo, Amaiur) cousas en base a certos criterios que a Mesa do Congreso autorizaba a outras con eses mesmos criterios.

Voceiros de En Marea xa afirmaran no seu momento que podía chegarse a unha negiociación política na Mesa do Congreso sobre a constitución do grupo parlamentar, confiando á luz dos precedentes, en que se permitirá ter esa representación. 

Oposición

PP, PSOE e Ciudadanos opóñense á pretensión de Podemos, alegando que no regulamento establécese que deputados dun mesmo partido (neste caso Podemos) non poden formar grupos parlamentares separados. Na coligazón En Marea hai 2 membros eleitos que son de Podemos, o nº1 pola Coruña e a nº2 por Pontevedra. Non deixa de ter relevancia que nesa oposición tamén esté o PSC, ao que se lle negara a posibilidade de grupo propio a principios dos 80.

Mais En Marea insistiu todos estes días que ten dereito a grupo parlamentar. Porque non é Podemos, sosteñen, senón un suxeito político propio. Para facer valer as súas teses van alegar un informe xurídico elaborado no seu momento por Carlos Aymerich (BNG).

En Marea constituíuse no seu momento no rexistro do Ministerio de Interior como unha coligazón de Podemos, Anova e Esquerda Unida. 

"Fixemos as tarefas"

Alexandra Fernández, deputada eleita por Pontevedra, asegurou esta sexta feira en Madrid que En Marea non ve outro escenario que non sexa o de lograr formar un grupo parlamentar propio, pois o 20-D fixeron "as tarefas", ao "superar a barreira dos 5 deputados" e a de máis do 15% dos sufraxios en cada unha das provincias nas que concorrían. "Entendemos que non cabe outra opción que a de que En Marea vaia ter grupo propio", enfatizou.

Comentarios