CARLOS CALLÓN

"Un deputado ou unha deputada do BNG poden ser decisivos en Madrid"

Carlos Callón (Ribeira, 1978) anda a facer campaña "como formiguiñas" e "porta a porta", sabendo que "temos o veto por parte dos meios de comunicación a nível de Estado". O número 1 por A Coruña do BNG Nós Candidatura Galega non se enruga e irradia optimismo. É o protagonista da entrevista política do número 200 de Sermos Galiza. Eis un avanzo da conversa.

 

Carlos Callón. Eleccións xerais 2016.
photo_camera Carlos Callón

(..) o que amosan as enquisas é que non vai haber maiorías absolutas, nen un partido só nen a suma de dous partidos, nen o bipartidismo guai nen o bipartidismo carca, entón aquí cada deputado e cada deputada pode decidir a gobernabilidade do Estado, entón aquí un deputado ou unha deputada do BNG poden inclinar a balanza en defensa dos intereses do noso país. E ademais vese con claridade diáfana. Se entramos na páxina do Congreso e vemos o que fixeron os deputados e deputadas do BNG desde o grupo mixto e o comparamos co que fixeron os deputados e deputadas das formacións que estiveron nestes meses.... vemos que non só houbo máis iniciativas do BNG, senón que participaron en máis comisións, mesmo isto desminte a importancia de estar nun grupo grande, o que significa estar nun grupo grande é simplesmente ter obediencia estatal e que problemas galegos que choquen con intereses doutros territorios do Estado non van estar defendidos.

mini_callonUn dos problemas evidentes que ten o BNG nesta campaña é que poda non ser percibido como un voto útil.  Como combatedes este hándicap?

Sobre todo cunha frase: voto útil, deputado inútil. Ás veces é certo que as forzas hexemónicas do sistema utilizaron a expresión “voto útil” para intentar evitar que houbese pluralidade ideolóxica. “Mirade, o sistema eleitoral é este [un sistema eleitoral perverso, iso, claro, non o din] portanto tendes que votar por nós e non por ningunha outra forza”, iso é o que nos din as forzas hexemónicas. E é certo que o sistema eleitoral haino que cuestionar. Como é posíbel que en Huesca con 21.000 votos teñas un deputado e o BNG, con 70.000, ficase fóra da escena. Iso poderase chamar de moitas maneiras, democrático non é. E non é só pola Lei D´Hont. Pensemos xa non que houbese circunscrición galega... se a circunscrición fose a do Estado, o pasado 20D Nós Candidatura Galega tamén tería un asento no Congreso. Mais o que é curioso é que as forzas que nalgún momento criticaron ese sistema, unha vez que chegan ao poder, pasan a aproveitarse del e a utilizar como argumento isto do voto útil. Mais foron útiles para as galegas e os galegos estas 23 representantes que estiveron no Parlamento e que non falaron, por exemplo, do espolio da enerxía, do roubo do noso aforro, ou do problema do financiamento que temos no noso país? É claro que non foron útiles.

A íntegra desta entrevista, unha dupla páxina, tela ao teu dispor no número 200 do Sermos, nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.

Comentarios