mércores 27/10/21

A Deputación de Ourense exixe á Xunta que retire o expediente ao xinecólogo de Verín

Durante o pleno celebrado esta sexta feira saíron á palestra as leas entre o PP e o resto de partidos pola presencia de Miguel Caride, destituído como vicepresidente segundo pero aínda cun asento na institución. O ex de Democracia Ourensá votou a favor dunha moción dos socialistas polo que Baltar preguntou se ían aceptar "o seu voto" após criticalo "pola súa condición política".

 


 

Imaxe do pleno telemático de hoxe en Ourense. (Foto: Deputación de Ourense)
Imaxe do pleno telemático de hoxe en Ourense. (Foto: Deputación de Ourense)

Por unanimidade. O pleno da Deputación ourensá aprobou hoxe unha moción para apoiar ao xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo, ao que Sanidade abriu un expediente para a súa inhabilitación -ou, segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, un proceso por unha denuncia- e que participou activamente nas protestas para evitar que fechara o paridoiro do municipio.

Este tema foi debatido en trámite de Urxencia e no texto se exixe á Xunta e ao Sergas o arquivo “inmediato” dese expediente, “sempre no suposto de que a causa do mesmo fose o seu posicionamento polo fechamento temporal do paridoiro”.

Mais este non foi o único tema a tratar. Tamén saíu adiante con todos os votos unha proposta do BNG para que se separen a unidade de lactantes e preescolares do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU). Desta forma, entenden, haberá unha mellor atención das e dos pacientes.

Porén, tamén houbo mocións que ficaron no camiño. Foi o caso dunha iniciativa para promover axudas directas e de maneira inmediata que axuden á hostalaría a paliar a situación de crise derivada das medidas pola pandemia.

Miguel Caride no centro da polémica

Así mesmo, tampouco tivo apoios suficientes unha idea do PSOE para recuperar a Atención Primaria no ámbito do incremento de persoal.

Esta medida contou co apoio de Miguel Caride, ex de Democracia Ourensá e ex edil do Concello de Ourense con Gonzalo Pérez Jácome como alcalde e recentemente cesado como vicepresidente da Deputación segundo pola súa condición de tránsfuga.

Neste sentido, o presidente de organismo, Manuel Baltar preguntou aos socialistas se despois do que levaban criticado a Caride agora ían “aceptar o seu voto”.

"Atallo de indignidade"

Precisamente en relación coa presenza de Caride e Democracia Ourensá, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao Partido Popular de elixir “un atallo de indignidade” co partido de Jácome para “manter a Deputación”.

“Hai acontecementos que amosan que hai unha enorme descomposición política na cidade e tamén no Goberno da Deputación, onde o propio presidente tivo que cesar ao vicepresidente dos tránsfugas porque había certas decisións legais que lle advertían da irregularidade de facer pactos con tránsfugas”, subliñou.

Ademais, instou a Feixoo a “desatascar” a situación política na cidade de Ourense, a terceira en poboación da Galiza.

comentarios