O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, negou esta quinta feira que estea a “perseguir” ao xefe do departamento de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo, pola súa participación nas mobilizacións para que non se cerrara o paridoiro da instalación.
Sobre Castrillo pesa un expediente disciplinario aberto por Sanidade, que xurde sen outra motivación que o feito de que se involucrara nas protestas. Mais preguntado polos medios, Feixoo rexeitou que exista “unha persecución” ao especialista.
Segundo o representante, non foi a consellaría a que iniciou o proceso senón que atendeu a unha denuncia dunha pediatra coa que Castrillo supostamente tivo un enfrontamento no pasado polo traslado dun bebé a Ourense.
“Aquí hai un erro. Non é ningún expediente disciplinario. É unha denuncia dunha pediatra sobre un xinecólogo por entender que foi tratada de forma absolutamente inaceptable ante unha familia”, quixo aclarar. O argumento para abrir esta denuncia é que é obrigatorio.
“Quen persegue a este facultativo? Non o perseguimos. Hai unha denuncia dunha pediatra, iníciase un expediente, tómase declaración á denunciante, ao denunciado, a outras persoas e faise unha proposta. É compatible con apoiar ao xinecólogo, a súa tese ou a súa actividade asistencial”, insistiu.
En calquera caso, os alcaldes e voceiros do PP da zona amosaron o seu apoio a Castrillo nun escrito conxunto.
Os representantes populares recoñecen “a profesionalidade” do médico, polo que demandan “que se arquive o expediente disciplinario aberto no seu día”.