Deputación da Coruña triplica os orzamentos para normalización lingüística nos concellos

Sete servizos novos e catorce concellos máis beneficiarios son as novidades da nova convocatoria da entidade provincial.

Normalización lingüística 08

A nova convocatoria da Deputación da Coruña destina a concellos e entidades locais para normalización lingüística en 2016 multiplica por os seus orzamentos, crea sete servizos novos e beneficia 14 concellos máis. O novo orzamento é de 432.000 euros, nunha convocatoria na que se presentaron 38 solicitudes fronte ás 25 do exercicio anterior, que contou cunha partida de 150.000 euros. Boa parte do incremento desta cantidade está investida en duplicar a cantidade que recibe cada un dos concellos para o pagamento do persoal técnico de normalización lingüística. Pásase, neste sentido, dos 6.000 euros de convocatorias anteriores aos 12.000 desta edición.

“Para nós é de vital importancia dotar os concellos con servizos que, doutra maneira non poderían soster e, no caso da normalización lingüística, as entidades locais son especialmente interesantes por estaren en contacto directo coa xente”

A nova convocatoria da Deputación suporá a creación de sete servizos novos, para alén de reforzar os das tres principais cidades da provincia, novidade que se introduciu ao se valorar a necesidade de implementar os esforzos para a normalización nos ámbitos urbanos. A iniciativa será chave, sostén a entidade provincial, á hora de manter tamén os outros 26 servizos que operan no territorio provincial.

“Para nós é de vital importancia dotar os concellos con servizos que, doutra maneira non poderían soster e, no caso da normalización lingüística, as entidades locais son especialmente interesantes por estaren en contacto directo coa xente”, destaca Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel tamén da área de Normalización Lingüística.

No BOP do 7 de marzo publicábase a concesión provisional de subvencións que outorga a cantidade de 12.000 euros ás solicitudes presentadas polos concellos da Baña, Abegondo, Ames, Arteixo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Brión, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Noia, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Porto do Son, Rianxo,  Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Teo, Vimianzo e as cidades de Santiago e A Coruña á que se engadirá Ferrol, pendente de reparar un erro na solicitude.  

Nalgúns casos, as subvencións solicitadas por un dos concellos asisten a varios como é o caso de Toques que comparte servizo con Santiso, A Baña con Negreira, Abegondo con Coirós, Boimorto con Sobrado e Arzúa, Carnota con Mazaricos, Dumbría con Muxía, Outes con Lousame ou Rois con Dodro.

Comentarios