Xustiza

O BNG de Salvaterra denuncia o Concello na Fiscalía por un presunto delito de prevaricación

As nacionalistas aluden ao uso de cartos "procedentes da Plisán" para sufragar gastos correntes, nomeadamente o pagamento de atrasos á empresa subministradora de electricidade, que ameazara con cortar a luz pola débeda contraída, malia que estes fondos non poderían destinarse a este fin.
Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra. (Foto: PP)
photo_camera Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra. (Foto: PP)

O BNG de Salvaterra de Miño (O Condado) vén de trasladar á Fiscalía de Vigo a presunta comisión dun delito de prevaricación por parte do Concello, gobernado polo PP cunha maioría absoluta revalidada nas urnas o pasado 28 de maio, no relativo ao "desvío de cartos percibidos polo aproveitamento dos terreos da Plisán [Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves] para pagar facturas acumuladas con provedores", segundo figura na denuncia, á que tivo acceso Nós Diario.

A mesma alude á "débeda de máis de 5 millóns de euros acumulada a comezos de 2023" por parte do consistorio que deixou o municipio cunha situación financeira "moi mala" que provocou a contracción dunha "débeda coa empresa subministradora [de electricidade] EAM de máis dun millón de euros".

A empresa ameazou cun corte de subministro "en reiteradas ocasións", subliña o Bloque no texto derivado á Fiscalía, a última delas o pasado 12 de maio, ás portas das eleccións municipais. E tres días despois a compañía recibiu un ingreso próximo ao millón de euros, a fin de evitar o citado corte na subministración enerxética.

Eses cartos procederían dos ingresos percibidos polo aproveitamento dos terreos da Plisán, malia que un informe de Intervención —adxuntado na denuncia— alertaba de que con estes fondos o Concello "só pode financiar gastos de capital, e non gastos correntes".

"A sabendas de que non podían facelo, desvían de xeito irregular ese importe para evitar o corte do subministro e cubrir un gasto corrente, situación que os dirixentes do PP provocaron pola súa mala xestión económica", lamentan as nacionalistas.

Desde o BNG consideran que estas actuacións, nas que perciben "moitas irregularidades", alén da súa "ilegalidade", censuran, "impiden á veciñanza de Salvaterra aumentar o patrimonio inmobiliario con melloras substanciais —o destino que deberan ter os cartos da Plisán— por mor dunha nefasta xestión do Goberno municipal".

A finalidade dos fondos, reiteran, "é a construción de vivendas de protección pública, actuacións públicas de interese social, conservación e mellora do medio ambiente, creación de solo para o exercicio de actividades empresariais ou a conservación e ampliación do patrimonio público do solo".

Comentarios