Vigo

A aprobación do PXOM, máis perto após obter a declaración ambiental

Esta pasada terza feira o Goberno de Abel Caballero fixou en "tres meses" o prazo de aprobación provisional do novo PXOM, xusto unha semana despois de que o propio alcalde afirmase que o documento tería o visto e prace "en dous meses".
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha comparecencia recente ante os medios. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha comparecencia recente ante os medios. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta cuarta feira o anuncio da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático polo que se fai pública a declaración ambiental estratéxica correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Vigo. Todo iso despois de que o pasado 31 de agosto o Consello da Xunta dese luz verde ao expediente, que supón o "último trámite necesario" para que o consistorio poida aprobar provisionalmente o documento, tal e como destacou o propio presidente galego, Alfonso Rueda.

Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera "ambientalmente viábel" o PXOM vigués, a condición de que se cumpran no documento final unha serie de condicións de carácter ambiental estabelecidas polos distintos órganos sectoriais nos informes emitidos. Entre os aspectos que se deberán "corrixir ou completar", o Concello de Vigo deberá actualizar unha serie de planos coa información dos mapas de ruídos e incluír novos mapas dos indicadores sonoros. A Consellaría tamén pide ao Goberno municipal que especifique algúns aspectos técnicos e que corrixa certas referencias a lexislacións que xa foron publicadas na actualidade.

Precisamente esta pasada terza feira o Goberno de Abel Caballero fixou en "tres meses" o prazo de aprobación provisional do novo PXOM, xusto unha semana despois de que o propio alcalde afirmase que o documento tería o visto e prace "en dous meses". Aliás, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, xustificou o mantemento do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP) "para dar certeza" á situación urbanística da cidade.

Caride trasladou estas consideracións tras coñecerse que o secretario municipal, nun informe realizado precisamente a pedimento da edil, advertía de que se van a dar problemas de "ordenación discordante" a partir de mediados de outubro, xa que se acaba o prazo de suspensión de licenzas.

Nese momento, se se amplía o prazo de aprobación provisional —algo viábel a nivel legal— e mantense o IOP, as licenzas que se outorguen a partir de entón basearanse nunha ordenación urbanística que "non coincidirá, polo xeral, coa inicialmente aprobada —en agosto de 2021— no PXOM en revisión" e "quizais tampouco coa que provisionalmente se aprobe" en tres meses. O secretario advirte de que se trata dunha "situación anómala" e que o pleno, "considerando o interese público en xogo e os fins do PXOM en revisión", debe valorar "a fin de considerar a conveniencia de deixar, ou non, sen efecto o IOP".

En todo caso, tamén apunta que, se non se mantén a ordenación provisional, a situación urbanística se retrotraerá ao plan de 1993 —o anterior en vigor, dado que o de 2008 foi anulado polo Tribunal Supremo—, por tanto, tamén se producirá unha "discordancia". Con todo, o secretario estima no seu informe que a incidencia desa ordenación discordante "pode ter consecuencias máis leves que a discordancia do IOP".

Caride, con todo, asegurou que manter a vixencia da ordenación provisional permitirá "dar certeza" á situación urbanística de Vigo, e "estabilidade" aos proxectos que se puxeron en marcha ao amparo desa normativa. Así mesmo, indicou que "promotores e cidadáns" pedían manter ese IOP.

Comentarios