18-F

O debate da cuarta feira na RTVE liderou a súa faixa horaria na Galiza, con 17,4% de cota de pantalla

Rexistrou 372.000 espectadores únicos

debate rtve
photo_camera Ana Pontón, Xabier Fortes e Gómez Besteiro (Foto: RTVE)

O debate da noite desta cuarta feira en RTVE foi o máis visto durante a súa faixa horaria, 22 a 23 horas, na Galiza. Así o sinala José Pablo López, director de contidos xerais da canle pública española.

López sinala na súa rede en X que o debate “lidera a súa faixa na Galiza cun 17.4% e 372.000 espectadores únicos. A só seis décimas do debate en TVG”.

Para este directivo, esa cifra de audiencia indica que “había gañas de debate”. Un debate no que participaron a candidata do BNG, Ana Pontón, e do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Non así o candidato do PP e actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non acudiu ao mesmo nin o PP mandou outro representante.

Este “fuxida” foi algo que tanto Pontón como Besteiro afearon durante as súas intervencións a Alfonso Rueda, ao quye se referiron como “o candidato ausente”. Ambos os dous falaron tamén da necesidade de mudar a lei para que a asistencia aos debates electorais nos medios públicos sexa unha obriga.

CRTVG

O debate na CRTVG entre os cinco candidatos e candidatas nas eleccións galegas de 18-F tivo unha audiencia máis que notábel.

Segundo datos que publicita Barlovento Comunicación, unha consultora audiovisual e dixital especializada, o debate electoral rexistrou 345.000 espectadores únicos (AA). Persoas que nalgún momento estiveron vendo esta emisión. Logrou 150.000 espectadores de media e 18% da cota da pantalla neses momentos. Ou sexa, case 2 de cada 10 que neses momentos estaban vendo a televisión optou polo debate.

O debate electoral da CRTVG  nas eleccións de 2020 foi seguido por 127.000 espectadores de media, o que representa un 15,8 % de cota de pantalla. Así pois, o debate destes comicios tivo unha maior audiencia: 23.000 espectadores máis e 2,2 puntos máis de cota.

Comentarios