O Debate: As enquisas en campaña

As enquisas en precampaña e campaña son meramente informativas e amosan tendencias ou, ademais, orientan e inflúen na escolla da papeleta? Coordina: Xacobe Ferreiro

Un cidadán escollendo a súa papeleta nas eleccións estatais de 2019. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Un cidadán escollendo a súa papeleta nas eleccións estatais de 2019. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

As enquisas inflúen

Arturo González.

Politólogo e director de Quadernas Consultoría

Cando se achegan as campañas electorais hai tres cuestións recorrentes que adoitan preguntarnos a todos os que nos dedicamos ao mundo das sondaxes: Acertan as enquisas nas previsións dos resultados? A súa publicación pode influír nos resultados? (é dicir, pode incidir á hora de que unha persoa se decante por unha ou outra opción de voto?) E, finalmente, resulta lóxico prohibir a súa publicación nos últimos días de campaña?

Sobre a primeira das cuestións, neste espazo unicamente cabe dicir que eu sempre distingo entre as enquisas que se fan para uso interno dunha organización daquelas que se fan co fin último de ser publicadas, pero, como dicía Michael Ende en A Historia Interminable, “esa é outra historia que merece ser contada noutra ocasión...”.

En canto á segunda, e sen entrar en cuestións académicas, está demostrado que, en termos agregados, a publicación de enquisas ten incidencia no comportamento electoral. Entre os máis citados cabe sinalar o efecto carro gañador polo cal parte do electorado indeciso pode modificar as súas opinións e orientar o seu voto ao que percibe que é o punto de vista da maioría, agardando situarse no lado gañador. Neste caso as enquisas son as que axudan a percibir cal é a opción que “está de moda”, quen será ese “gañador”.

O segundo dos efectos potenciais das enquisas publicadas ten que ver coa capacidade de mobilización ou desmobilización do electorado: se as enquisas formulan un escenario aberto de competición adoita incrementarse a participación, pola contra se as enquisas presentan un escenario cun claro gañador, desincentívase a participación dos votantes do lado que se espera perdedor. Por exemplo, se as enquisas coinciden en trasladar un escenario no que é segura a vitoria da dereita o electorado de esquerdas pode verse desincentivado a facer o esforzo de ir votar, reforzando a vantaxe da forza que se estimaba gañadora.

As enquisas inflúen tamén directamente no comportamento dos electores indecisos que se decantan entre unha ou outra opción en función da utilidade do seu voto, entendendo por voto útil aquel que é capaz de contribuír a que unha das opcións entre as que se dubida logre representación. Este fenómeno do voto útil prodúcese sobre todo en circunscricións -como as galegas- nas que se reparten poucos deputados.

Se ben hai consenso sobre o feito de que a publicación de enquisas pode incidir na orientación do voto, o que xera máis debate, e varía con cada proceso electoral concreto, é sobre que porcentaxe do electorado poden chegar a ter incidencia. Aínda que esta porcentaxe non fose máis alá dun 5%, debemos ter en conta que en procesos electorais axustados podería ser suficiente para inclinar o goberno cara a un ou outro lado.

Dando resposta á terceira das cuestións, e a pesar de ter claro que a publicación de enquisas ten unha incidencia directa no voto, teño máis claro aínda que non ten sentido ningún a prohibición da súa publicación. Somos unha sociedade madura en termos de participación democrática en procesos electorais na que, ao meu modo de ver, non ten lóxica a censura contemplada na normativa estatal sobre a publicación de enquisas electorais nos cinco días previos á xornada electoral (art. 69.7 da Loreg 5/1985). Os editoriais dos xornais, os artigos de opinión, o enfoque editorial que guía a cobertura das novas nos diversos medios, as opinións e análises dos comentaristas políticos, etc., son publicados até o último día de campaña cunha clara intención de incidir na decantación do voto e sería claramente antidemocrático prohibir a súa publicación. Entón, que sentido ten prohibir a publicación das enquisas preelectorais?

 


Reveladoras pero non determinantes

Mario Pais.

Politólogo e consultor de comunicación política

A publicación de enquisas sobre estimación de voto nos grandes medios de comunicación é un dos eixos sobre os que xira a axenda informativa durante as semanas previas a que teñan lugar unhas eleccións. Como non podía ser doutro modo, as que decorrerán o próximo 23 de xullo non escapan a esta realidade, que se acentúa conforme se aproxima a data: 40db para El País e Cadena SER, Simple Lógica para El País ou GAD3 para ABC son só exemplos dos que están a publicar trackings diarios nestes momentos.

Cómpre recordar neste punto que a lei electoral española prohibe a publicación de enquisas a partir do luns da última semana de campaña. Isto quere dicir que as últimas estimacións ás que poderemos acceder os cidadáns serán as que leamos nas portadas dos medios o próximo luns 17 de xullo. A partir de aí, só os medios e os partidos terán acceso legal a estas enquisas; porén, nos últimos anos estanse a facer públicas a través de medios internacionais e accesibles ao conxunto da poboación con conexión a internet.

Mais cal é a capacidade destas enquisas para influír na decisión final de voto da cidadanía? Este tema é un clásico na discusión académica dentro das Ciencias Políticas, en estudo desde mediados do século pasado (principalmente nos EUA) sen conclusións determinantes.

Se ben é certo que as enquisas se converteron nos últimos anos nun factor central nas campañas electorais, a súa capacidade de influír no voto é limitada. No meu caso, identifícome con quen defende que as enquisas axudan aos electores a elaborar un esquema mental da situación política e electoral ante unha cita coas urnas, mais non determinan en último lugar o sentido do seu voto.

Non obstante, as enquisas non poden presentarse separadas do tratamento que os medios fan delas. A cada vez maior tendencia a converter a información en entretemento (infoentertainment deron a ben chamalo os anglófonos) produce un tratamento das enquisas como realidades contrastadas e non como medidas plausibles dun escenario futuro cunha marxe de error. A isto hai que sumarlle a polarización crecente do sistema político-informativo que favorece a configuración de dous bandos enfrontados.

A este factor hai que sumar a configuración do sistema electoral, onde nas provincias que elixen un número baixo de deputados a entrada dun terceiro partido no reparto de escanos precisa dunha porcentaxe elevada de voto. Se as enquisas mostran que nesas provincias os partidos minoritarios a esquerda e dereita poden non acadar esa cifra, o elector pode verse empuxado a concentrar o voto nas forzas maioritarias. Neste caso, as enquisas forzarían o denominado voto útil.

Non obstante, nas últimas citas electorais que decorreron en España a porcentaxe de cidadáns que cambiaron o seu voto polo que reflectían as enquisas presúmese baixo. A enquisa postelectoral do CIS en 2019 (estudo 3.269, decembro de 2019) arroxa uns datos que dificilmente poden discutirse: un 57,4% da poboación coñecía algún dos datos dalgunha enquisa antes de ir votar; deses, o 78% non o tivo en conta á hora de decidir o seu voto; do 22% restante, só un 10% afirma que lle axudaron a decidir o seu voto e un 3,4% que o animaron a cambiar o seu voto, mentres un 32% afirma que reafirmou a súa preferencia por unha forza política e esa mesma porcentaxe afirma que ditas enquisas o “animaron a votar”.

Parece claro, entón, que cos datos na man as enquisas non conforman unha ferramenta de decisión de voto na maioría da poboación, senón máis ben outra pata da información que estes reciben e que conforman o seu mapa político-informativo-electoral.

Comentarios