"Cunha mobilización non se consegue arranxar o sector lácteo"

A conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, afirma que a manifestación convocada polas organizacións sindicais traslada unha "imaxe tremendamente negativa" e acusa a imprensa de "alentar" as mobilizacións.

Rosa Quintana
photo_camera Rosa Quintana [Imaxe: Xunta de Galiza]

Rosa Quintana anunciou que convocará unha mesa de negociación que xunte a todos os elos do sector lácteo após o agravamento da situación que o atinxe por mor do cesamento nas recollidas de empresas como Leite Río e Leitigal. 

Porén, malia que novas explotacións recibiron nos últimos días ameazas por parte da industria, a Consellaría de Medio Rural non puxo data a este encontro. 

En declaracións recollidas por Europa Press á saída da xuntanza que Quintana mantivo con produtores da Coruña, a conselleira aproveitou para bater contra o calendario de mobilizacións anunciado polas organizacións agrarias ás que se sumarán iniciativas impulsadas desde os concellos rurais e que está a promover o BNG. 

"Cunha mobilización non se consegue arranxar o sector" lácteo, sinalou Quintana, quen non dubidou en criticar as informacións recollidas na imprensa á quen acusa de "alentar" as mobilizacións. "Se estivese convencida de que con facer unha mobilización se conseguía resolver o problema, a primeira en saír á cabeza da manifestación sería eu", acrecentou. 

Segundo a responsábel de Medio Rural os protestos das explotacións gandeiras e dos sindicatos trasladas unha "imaxe tremendamente negativa" do sector.

"Se estivese convencida de que con facer unha mobilización se conseguía resolver o problema, a primeira en saír á cabeza da manifestación sería eu"

Porén, Quintana nega mesmo a evidencia asegurando que a industria se comprometeu a que non quedaría "nen un só litro sen recoller". Unha declaración que contrasta coa realidade pois as recollidas de Leite Río suspendéronse xa para 20 gandeir@s mentres Leitigal anunciou que tamén cesaría nalgúns puntos. 

A OLP tamén se mobiliza

Desde a Organización de Produtores Lácteos (OLP), o seu presidente, Manuel Iglesias, avanzou que se sumarán ao calendario de mobilizacións porque "as industrias continúan a incumprir os contratos". "Se nos chaman", afirmou, "estaremos encantados de seguir pelexando co sector produtor". 

Até o de agora convocouse unha manifestación unitaria o 17 de xullo en Compostela e pevese que unha "grande tractorada" dea continuidade aos protestos, convocada para o 1 de setembro pola propia OLP. 

Aliás, o alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas, Mini, convocou aos gobernos do rural galego a unha xuntanza na súa localidade para artellar unha fronte en defensa do sector "independentemente da cor política". 

Comentarios