O leite derramado do rural galego

“Chegou o transportista e dixo que non lle recollía o leite por orde do xefe. Sen máis; ninguén avisou. Se cadra chega mañá o transportista e non me recolle a min o leite”. 


Jesús Vilariño ‘Suso’ conta con incredulidade o que estes días están a vivir decenas de gandeiros en Galiza. Suso non o sufriu en primeira persoa –“por agora”- pero si catro das granxas da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) San Cidre, a cooperativa da que fai parte. Durante a última semana, máis dunha vintena de produtores do país víronse na obriga de verter centos de miles de litros. A empresa Leche Río, igual que fixera antes Pascual, decidiu non recoller o leite.

“Sentes rabia e impotencia, estás a tirar o teu traballo e moitos cartos” -explica Suso – “e se non muda pronto a situación, estamos para desaparecer; aquí a maioría só coñecemos o campo e o leite como forma de gañarnos a vida”.

Ao redor de 500 persoas concentráronse no concello coruñés de Curtis este domingo para esixir unha solución urxente. Mais non estaban todos. “Algúns teñen medo de vir as manifestacións por se toman represalias”, asegura Xosé Manuel Tomé, concelleiro do BNG para resaltar o estado de ánimo no sector. “Están desprotexidos e non ven ningún movemento por parte da conselleira de Medio Rural nin da Xunta. Un desamparo total”. 

  • Cal sería a solución máis rápida?, pregunto a Suso.
  • Que a Administración fixera cumprir os contratos a industria. Que obriga a pagar prezos dignos e unha garantía de recollida.
  • Cantos che pagan hoxe por litro? 
  • 27 céntimos o litro, e hai quen lle pagan incluso menos.
  • E que supón ese prezo?
  • Estar ao bordo do peche. Non cubrir nin os gastos. Non paro de perder cartos, de empeñarme e ter débedas que non podo asumir. E nin sequera teño a seguridade de que mañá me recollan o leite.

O fin das cotas lácteas, que levou ao encerramento a grande parte das explotacións durante dúas décadas, supuxo non só unha drástica redución dos prezos (que na Galiza xa eran os máis baixos da Unión Europea), tamén unha fonda liberalización do sector. O prezo medio do quilo de penso para o gando rolda os 36 céntimos e hoxe ningunha explotación galega supera os 30. Nin as contas saen, nin esperan unha mellora.

 O prezo medio do quilo de penso para o gando rolda os 36 céntimos e hoxe ningunha explotación galega supera os 30.

A cooperativa de Suso non sabe que ocorrerá a partir do 30 de xuño. Ese día remata o contrato vixente e a empresa non deu sinais aínda. Entre os produtores afectados pola falta de recollida esta semana pasada, están algúns dos máis fortes da SAT San Cidre. “Coido que foi unha medida de presión, unha xogada para baixar máis os prezos. Por iso foron a polos máis potentes, para que o resto fiquemos caladiños”, denuncia Suso. “Foi unha ameaza encuberta, unha manobra para amedrentar”, coincide pola súa banda o edil do Bloque en Curtis. “Buscan desmantelar as cooperativas para que os produtores teñan menos capacidade para negociar”. 

Non lles quedou outra que abrir as billas e deixar correr o seu traballo e os seus cartos. Un leite derramado que é o sangue do rural galego. “Non son feitos puntuais. Están desangrando pouco a pouco os gandeiros e con eles a unha comarca e un país enteiro. En Curtis, que é dos municipios máis industrializados, o sector representa máis da metade da actividade económica. Igual que no resto de concellos da contorna”, di Tomé.
 

Comentarios