Crític@s de Anova dan por "morta" a organización ao estar "entregada sen pudor a IU"

Segundo informa este domingo Faro de Vigo, a militancia que rexeita a integración da formación na listaxe de Izquierda Unida ás eleccións europeas está a organizar asembleas para "reflexionar sobre a permanencia" no proxecto de Beiras.

Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz
photo_camera Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz o 21 de outubro de 2013 [Arquivo SG]


A militancia de Anova que non aproba a integración na listaxe de Izquierda Unida face as eleccións europeas estaría a organizar asembleas en que valorar "a permanencia" na organización que lidera Xosé Manuel Beiras, formación que ven "fóra do espazo nacionalista e entregada sen pudor a IU". 

A información publícaa este domingo o xornal Faro de Vigo, e nela fálase da posibilidade de artellar un novo proxecto político "aberto, desde abaixo e con posibilidade de integrar persoas do nacionalismo que están fóra ou que están noutros lugares incómodas". A nova formación estaría preparada para concorrer ás eleccións municipais de 2015. 

Anova, ''unha simple negociación entre dirixentes''

Segundo sinala o diario vigués, a asemblea máis activa é a do Val Miñor, xustamente onde agromou a Anova de Beiras. O primeiro coordenador nacional deste proxecto político xurdido após a asemblea do BNG realizada en Amio foi Antonio Araúxo, ex alcalde de Gondomar pola formación frontista e quen agora se mostra disposto a traballar por unha nova organización, desta volta escindida de Anova.

Na súa conta persoal na rede social Facebook, Araúxo explica que "eu non sei se está morta mais desde logo non ten nada a ver co que algúns axudamos a crear hai dous anos. A estratexia e os principios políticos, o republicanismo como cultura, o asemblearismo, a irmandade, o partido movemento, etc, etc... quedou reducido a unha simple negociación entre dirixentes, de costas á militancia e por un posto seguro na lista de IU". 

Palleiro competirá con Lidia Senra face as europeas

A posibilidade de ir na listaxe de Izquierda Unida ás europeas --que non en coligación-- impúxose por só once votos de diferenza no referendo realizado por Anova. Nos días seguintes demitiron da dirección tod@s @s dirixentes que se mostraron crític@s coa escolla, entre el@s Luís Eyré, Palleiro, deixando aberto o espazo a quen acreditase no proxecto.

Porén, após Beiras apostar publicamente pola ex secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego Lidia Senra como candidata ás europeas --nº5 na listaxe de IU--, Eyré voltou ás primeiras páxinas dos xornais anunciando que competirá con Senra polo posto, é dicir, para encabezar a mesma candidatura en que unhas semanas antes dixo non acreditar. 

Comentarios