“Non se desconecten da realidade do país”, pediu Gonzalo Caballero no seu primeiro debate como portavoz socialista no Parlamento. Acusou a Feixoo de manter un discurso “falaz e interesado” na súa intervención da mañá, e despois saíu en defensa de Pedro Sánchez: “Os galegos vivimos mellor cun goberno socialista en Madrid”. Caballero foi o encargado de poñerlle os adxectivos á desolación que se aprecia desde a oposición. Falou dun goberno pasivo, indolente, inactivo; dun proxecto “persoal” do presidente esgotado e sen ilusión. “A corrupción do Partido Popular foi o que máis danou a saúde democrática en España”, sostivo o deputado socialista.
Caballero cuestionou a centralidade da aposta do PP e aseverou que Feixoo carece de “orientación estratéxica”. Foi un discurso sereno nas formas e duro no fondo. De novo, cun ton institucional, chamando a utilizar o debate da nación para producir unha reflexión precisamente sobre esa cuestión e abordar as causas dos problemas demográficos e económicos do país. “As institucións son un elemento crucial para o desenvolvemento, claves do éxito ou do fracaso, e cando o balance é negativo hai que asumir responsabilidades políticas”, avisou Caballero.