A corporación compostelá aproba regular as vivendas turísticas entre críticas de falta de consenso da oposición

A portavoz do BNG no Concello, Goretti Sanmartín, afeou a falta de "consenso político e social" respecto á modificación "para que se leve a cabo".
Pleno da corporación compostelá (Foto: Europa Press).
photo_camera Pleno da corporación compostelá (Foto: Europa Press).

Os votos a favor do grupo socialista e Compostela Aberta permitiron aprobar a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para a regulación das vivendas de uso turístico, a pesar das críticas da oposición, que ven nesta iniciativa "falta de vontade política" e "consenso".

A modificación debateuse onte durante a sesión do Pleno ordinario, o primeiro do até hai pouco responsábel de Obras do Concello compostelán, Javier Fernández, como membro do grupo de non adscritos. Fernández abstívose e non interveu no debate, alegando que "todo o relacionado co Pleno chegou moi tarde".

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, foi a encargada de defender a modificación que, asegura, "prevé que calquera cuestión nova que apareza en materia de uso poderase corrixir e modificar", sobre todo nun "escenario cambiante no que todo vai moi rápido".

Entre os aspectos regulados están os tipos de usos da vivenda, onde se inclúen os 'usos alternativos' (terciario-residencial e actividades de hospedaxe) da vivenda e distínguense zonas 'non sensíbeis' e 'sensíbeis', para as que se estabelece unha determinada proporción e lugar (planta inferior do inmóbel).

Pola súa parte, Jorge Duarte, de Compostela Aberta, sinalou que era "imprescindíbel" manter o carácter residencial da cidade, que rexistra unha "presión turística moi grande en certas partes".

Críticas da oposición

A portavoz do BNG no Concello, Goretti Sanmartín, afeou a falta de "consenso político e social" respecto á modificación "para que se leve a cabo". Consideran que si é necesario un marco regulador "claro", pero non concordan "plenamente" coa proposta.

José Antonio Constenla, do PP, lamentou que o PXOM non regula o lecer nocturno "que é o que máis afecta á convivencia", así como que pretendan "castigar" o uso turístico máis que "protexer" o uso residencial.

Antes de proceder á votación, concluíu o debate o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo lembrando que "gobernar é tomar decisións, un termo que toma especial relevancia cando son decisións difíciles".

Comentarios