O PP vota en contra de regular os pisos turísticos en Compostela

A modificación do PXOM contou cos votos a favor do grupo de Goberno, o Partido Socialista, e máis de Compostela Aberta e BNG, mentres que o Partido Popular optou por se posicionar en contra.
Pleno extraordinario no Concello compostelán nesta segunda feira (Foto: Concello de Santiago).
photo_camera Pleno extraordinario no Concello compostelán nesta segunda feira. (Foto: Concello de Santiago)

Unha sesión extraordinaria do pleno de Santiago de Compostela aprobou esta segunda feira abrir a unha segunda exposición pública a modificación puntual do título III do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), para regular os usos das vivendas de uso turístico (VUT). Esta medida afectará 902 vivendas que se encontran neste réxime. Porén, segundo o Concello de Santiago, só 683 están rexistradas na Xunta da Galiza

A modificación do PXOM contou cos votos a favor do grupo de Goberno, o Partido Socialista, e máis de Compostela Aberta e BNG, mentres que o Partido Popular optou por se posicionar en contra. A partir da publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG), o plan estará aberto durante dous meses á presentación de alegacións. Unha vez finalizado ese período e revisadas as reclamacións, elaborarase un documento en que se integrarán as modificacións para proceder á aprobación provisional do PXOM.

Na súa intervención, a concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade, Mercedes Rosón, sinalou que o incremento de vivendas turísticas puxo de manifesto o "sentimento de desapego" dos residentes. "Resulta especialmente preocupante o incremento do alugueiro turístico das vivendas, debido a que supón a súa hotelización abandonando o mercado residencial e deixando de estar accesíbel para os habitantes da cidade", remarcou Rosón. 

"O obxectivo da modificación non é prohibir as vivendas para o alugueiro turístico, senón que as permite, pero cuns determinados requisitos ou límites que eviten a desaparición do uso residencial", dixo a concelleira de Urbanismo compostelá.

Compostela Aberta, a través do seu concelleiro Jorge Duarte, remarcou que "hai un problema de residencial de vivenda moi grave en Santiago", mentres que o BNG, da man da súa portavoz, Goretti Sanmartín, sinalou que esta é unha "cuestión complexa" e que a "proliferación de vivendas de uso turístico é un feito recente que intensifica os problemas que xa había". 

Sanmartín salientou que "unha cifra de 902 vivendas de uso turístico na cidade, con 836 localizadas de modo inequívoco, como se constata na documentación, é unha cifra inasumíbel para unha cidade do tamaño de Santiago". 

Voto en contra do PP

O concelleiro do PP, José Antonio Constenla considerou que a norma pretende "limitar o uso das vivendas turísticas e condenalas ao ostracismo". Tamén a cualificou de "confusa" e dixo que pode causar unha "fraude masiva". No pleno tamén tomaron a palabra representantes dos colectivos afectados.

Comentarios