O BNG propón unha tarifa plana de 30 euros para o uso do transporte público en toda a Galiza

“A Tarxeta 30 permitiría que con trinta euros ao mes se poda viaxar de forma ilimitada por toda a Galiza a través do transporte público”, explicou a líder do BNG, Ana Pontón.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (no centro), esta segunda feira na estación intermodal de Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (no centro), esta segunda feira na estación intermodal de Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).

“O incremento da inflación repercute especialmente na mobilidade das familias, da xente moza e da clase traballadora, ante a carestía dos carburantes ao que se engade o custo das peaxes (na Galiza), entre as máis caras do Estado”, explicou esta segunda feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Neste contexto, a formación nacionalista presentou a denominada Tarxeta 30 Toda Galiza, unha tarxeta plana de transporte intermodal que por un importe mensual de 30 euros permitiría a calquera persoa viaxar por todo o país vía tren, autobús, barco e taxi rural.

“A necesidade da mobilidade está aí, por razóns de traballo, de ocio, para facer xestións ou ir ao médico, e hai que dar unha resposta ás familias, á clase traballadora e á maioría social á altura da crise prezos que estamos vivindo, tendo en conta que encher o depósito de gasolina tense convertido nun luxo para moitísimas persoas”, explicou a portavoz nacionalista, Ana Pontón, na presentación da proposta do Bloque, precisamente desde a estación intermodal de Santiago de Compostela.

Coa Tarxeta 30 Toda Galiza, ademais de “axudar a chegar a fin de mes nunha Galiza con salarios e pensións que están á cola (do Estado)”, o BNG tamén promove o uso do transporte público e, polo tanto, “unha mobilidade sostíbel”. “Temos que dar unha resposta á altura do momento”, recalcou a líder nacionalista.

“Este tipo de tarxetas de tarifa plana son habituais en toda Europa”, destacou, e para que saía adiante, “a Xunta ten que chegar a un acordo tanto co Estado como cos Concellos”, explicou a portavoz nacional do BNG.

“A intermodalidade é moito máis que a posta en marcha dunha infraestrutura”, afirmou. “Ten que haber horarios e tarifas atractivas e conexións adaptadas ás necesidades e á realidade das persoas usuarias”, engadiu Pontón.

A líder nacionalista destacou que o BNG xa puxo sobre a mesa esta proposta durante o debate da emenda á totalidade dos orzamentos, de tal modo que incluía unha partida de 50 millóns de euros con cargo ás contas de 2023 para contribuír a sufragar esta tarxeta.

“É unha medida importante para axudar ás persoas que peor o están pasando coa crise de prezos, facer unha aposta polo transporte público e fomentar unha mobilidade que non discrimine ás persoas en función do seu nivel de renda”, dixo Pontón.

“A Tarxeta 30 permitiría que con trinta euros ao mes se poda viaxar de forma ilimitada por toda a Galiza a través do transporte público”, explicou. “Pedimos ao PP que acolla esta proposta”, recalcou a portavoz nacional do BNG.

Comentarios