O modelo turístico da Xunta causa as críticas da oposición

O BNG apela a superar o "xacobeo-centrismo".
O deputado do BNG no Parlamento Dani Pérez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Parlamento Dani Pérez. (Foto: Nós Diario)

O modelo turístico da Xunta da Galiza foi esta cuarta feira albo dun debate na comisión sexta do Parlamento galego tras expor a directora de Turismo da Galiza, Nava Castro, as cifras positivas que deixou o verán.
Tanto BNG como PSdeG puxeron o acento na necesidade de encamiñar os números a un sistema "sustentábel" que xere retorno económico e social.

"Nós escoitamos o sector, contrastamos e poñemos alternativas", salientou o deputado nacionalista Daniel Pérez, para apelar a unha "reorientación" dun modelo "xacobeo-centrista" que, dixo, cómpre "desestacionalizar", co fin de facer da Galiza "un destino consolidado e non de moda"

Tamén salientou Pérez a necesidade de que a Galiza teña "voz e capacidade de decisión" nos foros onde se adoptan medidas que afectan a nivel turístico, así como de mellorar a política aeroportuaria, dado que "o Saa Carneiro de Porto actúa como principal aeroporto da Galiza", apuntou.Ademais, referiuse ás "tensións" en lugares "masificados" como Santiago de Compostela, os municipios do último tramo do Camiño Francés ou as Rías Baixas, que deben facer fronte a fenómenos como a "xentrificación", que dificulta o acceso á vivenda. 

Desde o Grupo Socialista, a parlamentaria Leticia Gallego tachou de "errático" o modelo da Xunta ao consideralo "incapaz de avanzar na desestacionalización" por centrarse no fenómeno Xacobeo, motivo polo cal chamou a ir "máis aló".

5 millóns de turistas en setembro

Nava Castro, pola súa parte, salientou que a Galiza pasou no mes de setembro dos 5 millóns de turistas e cualificou a tempada estival "de récord" con 2,1 de persoas viaxeiras aloxadas e 4,7 millóns de noites en estabelecementos hostaleiros, o que supón, respectivamente, case un 7% e un 12,4% máis que no verán anterior á pandemia. 

En relación ao perfil do turista que elixiu a Galiza no verán, a directora xeral expuxo que predominan os madrileños, que representan case un de cada cinco visitantes.

Preguntada polo deputado do BNG, Nava Castro non respondeu a canto retorno económico supuxo a polémica peregrinación de mozas e mozos católicos, aloxados en pavillóns. "Pagamos con fondos públicos a promoción destes actos, os bocadillos e os refrescos que lle regalaron. Faltou pagarlles unha consumición no Maycar", ironizou referíndose a unha discoteca compostelá.

Comentarios