Convocada a sesión de investidura do Concello de Ourense para este sábado coa Alcaldía no ar

Entre tanto, o alcalde en funcións retirou as súas pertenzas da Alcaldía.
Gonzalo Pérez Xácome retirou as súas pertenzas do despacho de Alcaldía.
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome retirou as súas pertenzas do despacho de Alcaldía.

O Concello de Ourense convoca finalmente a súa sesión constitutiva para as 12 horas deste sábado, logo de que a Xunta Electoral Central (JEC) desestimase na quinta feira, a última hora, o recurso presentado por Democracia Ourensá en relación a 62 votos que foran asignados a Ciudadanos e de que a formación do alcalde en funcións, Gonzalo Pérez Xácome, optase por non interpor un contencioso-electoral para non dilatar a investidura.

A última hora desta quinta, o Xácome, xa barallaba que "unha investidura rápida favorece a lista máis votada", a que el mesmo encabeza. E na mañá desta sexta feira publicou un chío no que confirmaba a sesión de investidura para este sábado ao mediodía, acompañado nunha imaxe na que aparecía retirando as súas pertenzas do despacho de Alcaldía.

Todo isto no medio dunhas negociacións coas cúpulas de PSdeG e PP que el asegura estar a manter, mais das que nin socialistas nin populares deron conta de forma pública até o momento. Esta mesma semana o candidato conservador, Manuel Cabezas, demandou o apoio de PSOE e BNG para investilo alcalde e formar un Goberno tripartito.

"Reúnome con todo o mundo", aseguraba, con todo, na noite desta quinta feira Jácome, quen no entanto recoñecía que "non hai nada fechado". "Mañá [por esta sexta] vai ser un día longo de negociacións e o sábado pola mañá vaise facer sobre a bucina", afirmou, en declaracións á axencia Europa Press.

A esta sesión de investidura, lembrou o rexedor en funcións esta mañá, "DO chega como lista máis votada", polo que sería proclamado alcalde "se non hai maioría absoluta na votación da sesión" cunha proposta alternativa. Xácome, alén de encabezar a candidatura local máis votada, ten a chave da Deputación de Ourense, onde obtivo tres asentos e o PP ficou a un da maioría absoluta.

Nas eleccións do pasado 28 de maio, Democracia Ourensá venceu obtendo 10 actas (+3), por 7 do PP (sen cambios), 6 do PSOE (-3) e 4 do BNG (+2). Ciudadanos perdeu os dous edís que gañara en 2019 e ficou fóra da corporación.

Comentarios