Manuel Cabezas pide a PSOE e BNG que o invistan alcalde de Ourense

Propón un Goberno tripartito que estaría liderado polo Partido Popular e no que socialistas e nacionalistas terían dúas tenencias de Alcaldía. Aliás, repartiríanse 14 concellarías: seis para o PP, cinco para o PSOE e tres para o Bloque.
Manuel Cabezas. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Manuel Cabezas trasladou a proposta esta cuarta feira ante os medios. (Foto: Agostime / Europa Press)

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, fixo esta cuarta feira un novo chamamentoao PSdeG e ao BNG constituír "un goberno de coalición" entre as tres formacións políticas para evitar que repita como alcalde Gonzalo Pérez Xácome, que nas eleccións municipais do pasado 28 de maio conseguiu converterse na lista máis votada á fronte de Democracia Ourensá.

O político popular convocou unha rolda de prensa para as 13,00 horas deste mércores para explicar a súa proposta de establecer entre as tres formacións políticas un goberno de coalición cunha repartición "proporcional" das áreas, que sería liderado polos populares e no que socialistas e nacionalistas contarían con dúas tenencias de Alcaldía. Na proposta que remitirá aos cabezas de cartel socialista e nacionalista exponse unha hipotética distribución de 14 competencias. Con base no resultado obtido o pasado 28 de maio, argumentan, o PP ficaría a cargo de seis concellarías; o PSOE, de cinco, e o Bloque, de tres.

"Creo que dariamos un gran exemplo de cordura política pondo por diante os intereses da cidade e non os intereses partidistas", dixo Cabezas, engadindo que sempre defendeu que a política municipal "ten máis de xestión que de ideoloxía" e que este "sería un goberno perfectamente de xestión porque é o que a cidade necesita".

Cabezas afirmou que a proposta parte desde o "respecto á integridade persoal" de cada un dos 17 concelleiros e concelleiras que formarían o Goberno municipal e dos que "socialmente se espera e desexa un acordo", que "suporía un exemplo necesario en política e un exemplo único". Na mesma liña, e a pesar de que Alberto Núñez Feixoo, o líder do PP a nivel estatal, pida os gobernos para as listas máis votadas, "Ourense é unha excepción que propicia este acordo".

"Estamos a falar dunha situación que non se parece nada á que existe noutras cidades ou noutros núcleos de poboación onde se están negociando pactos; Ourense non responde á mesma situación", insistiu. Nestes termos, subliñou que el "sempre" se mostrou "contrario ao enfrontamento e a favor do acordo", "contrario á división e a favor da unidade de acción", así como do "respecto e a educación".

Aliás, explicou que a proposta conta co apoio do Partido Popular na Galiza e que agora está á espera da resposta dos dous partidos. Consultado por se o Bloque considera que aceptará o tripartito foi claro; "eles saberán a quen lle quería poñer cordóns sanitarios, eu teño a esperanza de que unha proposta coherente que os cidadáns están a desexar sexa atendida correctamente".

No caso de que non frutifique o tripartito proposto non quixo adiantar cal sería a súa decisión, esgrimindo que non se porá "noutro escenario distinto" ao escenario no que está e que esperará a resposta á proposta por ser "o máis prudente". Sen avanzar se deixará o Concello de non ser proclamado alcalde, si que respondeu que mentres poida facer o que considere que debe, estará "onde teña que estar", pero que se non pode facelo, "o normal e lóxico" é que non estea aí.

Así pois, reiterou que a súa contribución o Concello actualmente "non pode ir máis aló" de tentar darlle "un rumbo que todos dixemos que queriamos". Está por ver en que medida afecta o escenario municipal ourensán o anuncio feito por Manuel Baltar esta cuarta feira, de que renuncia á presidencia da Deputación máis dunha década despois, fechando así un ciclo de máis de 30 anos da institución, ligada ao apelido Baltar.

Comentarios