Contencioso do BNG de Viana pide a nulidade do pleno da moción de censura que deu a alcaldía a un "tránsfuga"

O PP e dous edís 'díscolos' do PSOE apearon o nacionalismo da Alcaldía de Viana.

Participantes na asemblea local do BNG Viana
photo_camera Alguns dos participantes na Asemblea Local do BNG na que se deu conta do recurso presentado e no que participaron os membros da Executiva do BNG, Bieito Lobeira, Noa Presas e a responsábel comarcal de Monterrei Samanta Barreira

A asemblea local do BNG de Viana do Bolo decidiu presentar no Xulgado Contencioso Administrativo de Ourense unha demanda en contra da convocatoria do pleno da moción de censura realizada o pasado 1 de setembro no que saíu elixido alcalde Abelardo Carballo.

Os nacionalistas indican que naquel pleno os votos do PP de Andrés Montesinos “e dous tránsfugas do PSOE apartaron antidemocraticamente, e agora demóstrase que tamén ilegalmente”, da alcaldía a Secundino Fernández

Unha sentenza da sección cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo declarou que os concelleiros tránsfugas non poden asumir novos cargos e retribucións que supoñan melloras políticas ou económicas. Indica que o pase a concelleiro non adscrito "impide que se asuman cargos ou perciban retribucións que antes non exercían ou percibían e que impliquen melloras persoais, políticas ou económicas".

Unha vez analizada dita sentenza polos servizo xurídicos do BNG e a vista do rexeitamento ao recurso extraordinario de revisión que presentararon ante o Concello o pasado novembro optouse por presentar un recurso contencioso administrativo

“No BNG congratulámonos de que o Tribunal Supremo nos dera a razón e recoñeza o carácter antidemocrático e contrario a dereito dunha moción de censura que levou á alcaldía a un tránsfuga en contra da vontade da veciñanza de Viana do Bolo. Agora pedímoslle a Audiencia Provincial que faga efectiva a sentencia do TS e volva a legalidade ao noso concello”

Comentarios