sábado 04.04.2020

O Consello Nacional decide se Alexandra Fernández fai parte da candidatura do BNG

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

O Bloque Nacionalista Galego recrutou para as súas filas a ex deputada de En Marea Alexandra Fernández, que militou en Anova, organización que deixou após as desavinzas políticas polos pactos electorais con Podemos e Esquerda Unida.

A Executiva da formación nacionalista propón que sexa o número 3 por Pontevedra, xusto despois da deputada Montse Prado e da cabeza de lista, Luís Bará, co que quedarían representadas as comarcas de Pontevedra, Arousa e Vigo nos postos de saída do Bloque.

Alexandra Fernández, que se desmarcou do grupo confederal de Unidas Podemos-En Marea na votación dos orzamentos de Pedro Sánchez que non viron luz verde e desembocaron nas primeiras eleccións xerais após a moción de censura a Mariano Raxoi, xa mostrara o seu apoio ao BNG nos últimos comicios ao Congreso, que supuxeron o regreso da formación nacionalista galega ás Cortes Xerais.

O BNG avanzou esta quinta feira as cabezas de lista polas catro circunscricións, postos nos que repiten Olalla Rodil (Lugo) - , Noa Presas (Ourense) e Luís Bará (Pontevedra). Ademais, tamén serán candidatos en postos de saída os outros dous deputados na X Lexislatura: Xosé Luís 'Mini' Rivas (número dous pola Coruña) e Montse Prado (dous por Pontevedra).

Con este nome confírmase que o BNG incorpora activos do nacionalismo descontento co que se denominou espazo de confluencia e que levou tamén á división do espazo político aglutinado ao redor de En Marea. O partido político que situou ao maxistrado Luís Villares á fronte acabou cos seus deputados no Grupo Mixto e decidiu non presentarse ás eleccións o próximo 5 de abril.

comentarios