O Congreso oponse a liberar peaxes na AP-9 como alternativa á prolongación da A-52

A proposta do BNG foi rexeitada polo PSOE e o PP abstívose.
web
Néstor Rego (BNG), Irene Garrido (PP) e Luís Piña (PSOE). (Foto: Nós Diario)

A iniciativa do BNG no Congreso para instar o Goberno do Estado a desbotar o proxecto para a prolongación da A-52 (Autovía das Rías Baixas) entre O Porriño e Vigo  foi rexeitada na Comisión de Transportes co voto en contra do PSOE e a abstención do PP. Néstor Rego, deputado nacionalista na Cámara española, lamentou que a posición de ambas as dúas forzas estatais non permitisen reclamar "a liberalización da AP-9" de peaxes e carga contra o Partido Popular pola súa incoherencia, "defendendo na Galiza unha cousa e despois a contraria en Madrid". 

"O obxectivo desta iniciativa é claro: deixar sen efecto un proxecto do Goberno do Estado para a ampliación da A-52 que ten un custo elevado non só económico senón social e ambiental sobre todo para as localidades do Porriño, Mos (comarca de Vigo) e parroquias de Vigo como Bembrive" defendeu o deputado do BNG no Congreso.

Para Néstor Rego, segundo sinalou na súa intervención, “hai alternativas mellores, máis fáciles, máis rápidas e máis baratas para resolver esa mobilidade diaria”. Esta iniciativa, alegou Rego, concorda co sentir maioritario da poboación dos tres concellos afectados. "Non ten sentido duplicar unha infraestrutura cando se pode optar por unha solución máis barata e do punto de vista da mobilidade máis segura e máis áxil". Tamén avogou por axilizar as actuacións de mellora da A-55 (que conecta Vigo e Tui) para reducir a "elevada sinistralidade" nesta autovía.

A proposta contou co apoio de Sumar, que considerou que o proxecto de ampliación da A-52 "suporía un grave impacto social e ambiental", en palabras da portavoz de grupo parlamentario da coalición, Verónica Barbero. 

En contra

En contra da proposta posicionouse o PSOE, para quen o proxecto é "longamente reivindicado" e "non un luxo", en palabras do deputado e alcalde da Caniza (A Paradanta), Luís Piña, senón máis ben "unha necesidade vital que leva demasiado tempo pendente" e que vai supor unha mellora "da conectividade, a circulación e a seguridade".

"Quen critica por supostas cuestións sociais, ambientais ou económicas deben saber que foi deseñado co máximo rigor técnico e todas as alegacións están a ser analizadas para minimizar impactos negativos. Non falamos de destruír, senón de crear unha infraestrutura moderna, segura e sostíbel que traerá progreso e benestar", indicou o socialista.

Vox tamén votou contra a proposta do BNG. A súa deputada no debate, a malagueña Patricia Rueda, defendeu o proxecto de prolongación da A-52.

Irene Garrido, deputada do PP elixida pola circunscrición de Pontevedra, recoñeceu que "non hai dúbida" da "necesidade de mellorar" a seguridade da A-55 e urxiu, por iso, a negociar coa concesionaria da AP-9 para liberar a peaxe do tramo Vigo-O Porriño.

Porén, Garrido sinalou que a proposta do Ministerio de Transportes ten "un impacto territorial e social demasiado elevado", porque "deixaría unha importante afección a máis de 400 inmóbeis", ade-mais do corte de vías estruturantes, múltiples afectacións a viadutos e cursos de auga, segundo enumerou para reclamar que se varíe o trazado para minimizar os danos no territorio.

Comentarios