Rueda recorre á Lei do 'só si é si' como munición contra BNG e PSdeG

O debate sobre a reforma da Lei do 'só si é si' desta terza feira no Congreso español tivo prolongación onte no Parlamento galego, onde o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, utilizou a polémica ao redor desta norma como munición contra o BNG e o PSdeG, os que responsabilizou de que "centos de agresores sexuais estean na rúa". Respondía así ás críticas de nacionalistas e socialistas ás políticas do Goberno galego en igualdade.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: David Cabezón)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: David Cabezón)

8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, unha data que xa marcaba o contido da sesión de control ao presidente da Xunta da Galiza no Parlamento. O BNG e o PSdeG centraron as súas preguntas na situación de desigualdade das mulleres galegas e na ausencia de políticas públicas por parte da Xunta para reverter esa situación.

Rueda optou na súa réplica pola resposta de trazo groso. "Vostedes onte [pola terza feira] levantaron a man no Congreso para que haxa máis delincuentes sexuais na rúa", díxolle a Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, á que instou a "dar explicacións" ás vítimas de agresións sexuais que "senten medo". 

Mesma munición contra Begoña Rodríguez Rumbo, do PSdeG e que substituíu onte Luís Álvarez como portavoz na sesión de control. "800 penas a agresores sexuais reducidas, 250 agresores na rúa, moitos na Galiza...", dixo Rueda para reclamar ao PSdeG que "non dea leccións de feminismo". "Vostedes pola mañá dan leccións feministas", proseguiu cara a Rodríguez Rumbo, "pola tarde fan leis que soltan agresores e pola noite 'Tito Berni'" [en relación ao caso 'Mediador' de corrupción].

"Non respondeu"

Pontón cualificou de "desvergoña política" as respostas de Rueda. "Do peor que teño visto nesta Cámara", manifestou, para, a seguir, denunciar como as políticas da Xunta non rachan coa discriminación da muller. Mesmo, en casos, empeóraa, citando aí a líder da oposición medidas como "a supresión do Servizo Galego de Igualdade" ou a "blindaxe do financiamento a asociacións contra o aborto".

Pontón argumentou o voto do BNG no Congreso esta terza feira a respecto da Lei do 'só si é si' ("a reforma non vai cambiar" [a redución de condenas]) e lamentou que o PSOE e "a dereita colaboren" para pretender "volver ao código da Manada" [en alusión a que as mulleres teñan que demostrar que houbo violencia ou intimidación en casos de agresión sexual]. Rodríguez Rumbo, pola súa parte, incidiu en que as intervencións de Rueda na sesión de control non se centran no que deberían: responder as preguntas da oposición. "Non dixo nada sobre o que lle preguntamos", apuntou. "Só atacou".

Unhas preguntas, as do BNG e do PSdeG, que ao abeiro do 8-M describían como as mulleres galegas seguen a ter os salarios máis baixos e maior temporalidade laboral, ademais de seguir a ter que asumir todas as tarefas vinculadas aos coidados. Tamén son as mulleres quen padeceron o aumento da pobreza —8.000 máis, mentres baixou o número de homes pobres—. "A maior empresa de traballo temporal da Galiza é o Sergas", puxo de exemplo Ana Pontón, lembrando como "miles de enfermeiras" encadean contratos temporais que impiden desenvolver os seus proxectos de vida.  Unha denuncia ante a que o presidente reprochou que "meta a política en todo".

A Xunta da Galiza pedirá xulgados de violencia machista

O Goberno galego impulsará un plan, que analizará hoxe o Consello da Xunta, para que, de acordo coa Comisión Mixta do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), se reforce a demanda ao Executivo estatal de avanzar na creación de xulgados especializados en casos de violencia machista. O obxectivo da Xunta é avanzar até dotar con este tipo de salas todas as cidades (e o seu ámbito comarcal), dado que até o momento só A Coruña e Vigo contan cun xulgado específico para abordar os casos de violencia sobre as mulleres. O primeiro que urxirán, de acordo coas peticións, será o de Santiago para este mesmo ano.

Así o anunciou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, onte no Parlamento da Galiza. Ana Pontón deu en ton irónico a "benvida" a Rueda na defensa dos xulgados específicos de violencia machista, á vez que aseguraba que os populares "votaron en contra" desta demanda na Cámara galega. "Mentres, empreguen as súas competencias para que nos xulgados estean separadas vítimas de agresores", reclamou a portavoz nacionalista ao presidente.

Segundo os datos do TSXG correspondentes a 2021 —último exercicio fiscalizado— ao longo dese ano presentáranse na Galiza máis de 6.000 denuncias por violencia machista.

Comentarios