Xustiza

Condenan o ex alcalde de Ponteceso José Luis Fondo (PP) a 8 anos e 6 meses de inhabilitación por prevaricación administrativa

A pena impónselle por un delito continuado de prevaricación administrativa; queda absolto, porén, do delito de fraude a ente público polo que tamén estaba acusado, que foi rexedor deste municipio entre 1993 e 2015.
José Luís Fondo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta)
photo_camera José Luís Fondo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta)

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña vén de ditar unha sentenza na que condena o ex alcalde de Ponteceso (Bergantiños) José Luis Fondo, quen baixo as siglas do PP estivo á fronte da Alcaldía da localidade entre 1993 e 2015, á pena de 8 anos, 6 meses e 1 día de inhabilitación especial para emprego ou cargo público e, en particular, relacionado coa función de rexedor.

A pena impónselle por un delito continuado de prevaricación administrativa; queda absolto, porén, do delito de fraude a ente público polo que tamén estaba acusado. O outro acusado, responsábel da empresa, a quen se xulgaba como cooperador necesario, foi absolto tanto de prevaricación administrativa como de fraude a ente público.

No escrito fiscal sostíñase que, durante o seu mandato, en particular entre os anos 2012 e 2015, o citado Concello "víase obrigado de maneira permanente a axustar a súa dotación orzamentaria tendo en conta que, aínda cando algún exercicio mostraba resultado positivo, era frecuente xerar numerosas obrigacións". Todo iso, "co consecuente prexuízo que iso orixinaba para as arcas municipais ao carecer de crédito adecuado, dispoñíbel e en contía suficiente".

A pesar diso, o acusado "plenamente coñecedor da situación financeira" ditou providencias, en 2014 e 2015, "nas que declarou, a propósito da súa ilegalidade e coñecedor dos reparos realizados polos órganos de xestión da corporación municipal, a realización pola empresa 'Construcións ES S.L.' de prestacións e obras nas que se incumpría a normativa de contratación".

Tamén estaba baixo o foco se houbo sobrecustos nas obras adxudicadas, aínda que a Sala non dá por acreditada a existencia dos mesmos nas facturas. Apunta, en concreto, após analizar as probas e os testemuños, que en aplicación do principio 'in dubio pro reo' débese concluír que existe "unha dúbida razoábel" sobre este punto nas facturas analizadas polos peritos.

Prevaricación

O que si dá por probado é que existiu prevaricación administrativa e alega que o rexedor, que estivo na Alcaldía 22 anos, "sabía perfectamente que na contratación destas obras tamén debe seguirse un procedemento que neste caso non cumpriu en absoluto". Ademais, a sentenza remarca que a contratación verbal "reiterada" nas adxudicacións, "allea a calquera procedemento estabelecido" e "só sometida á vontade da autoridade contratante" contradi "de forma clamorosa" o 'quefacer' administrativo e está "afastada de calquera explicación plausíbel", o que "imposibilita que ninguén inmerso no 'quefacer' municipal", entenda as contratacións "conforme a dereito".

Agrega o fallo xudicial que as distintas declaracións de acusados e testemuñas, ademais das probas documentais, deixan "plenamente acreditado que as contratacións" das obras en cuestión "producíronse pola decisión unilateral e arbitraria do alcalde acusado e á marxe do estabelecido na lexislación administrativa".

En canto á suposta fraude, na liña de non ver acreditados os sobrecustos nas adxudicacións, conclúese que non se pode dar por probada que o exalcalde concertouse co outro acusado —tamén absolto— para "defraudar" o Concello de Ponteceso.

Comentarios