Eva Solla (Castrelos, Vigo, 1984) foi elixida polo Partido Comunista de Galicia como a súa nova secretaria xeral no XIII Congreso, que decorreu a comezos deste mes na cidade olívica baixo o lema ‘Construíndo República, creando poder popular’. É deputada de AGE no Parlamento galego. Afirma que sempre estivo interesada na política, un tema que na súa casa se trataba con normalidade. Tomou a decisión de comezar a militar en Esquerda Unida en 2007, despois dunhas municipais nos que os resultados non foron especialmente positivos para a coligazón de esquerdas.
Muller de trinta anos e secretaria xeral dun Partido Comunista... Están a caer clichés?
Están, mais aínda pasesiño (rise) Mais si que van cambiando. Neste congreso que vimos de realizar o PCG renovouse o 60% do Comité Central. Estou convencida de que a renovación e a experiencia teñen que ir da man. Estamos perante momentos excepcionais e hai demanda dunhas políticas máis adaptada ao que se sente e pide na rúa. E aí pode estar tamén esa petición ás forzas políticas de renovación para se adecuar á situación actual.
No teu discurso no congreso do PCG falaba a necesidade dun “Partido á ofensiva”...
A situación da clase traballadora, do que se chama ‘precariado’...é tremenda. Estamos a ver situacións dramáticas, devastadoras: exclusión social, paro....Se no Partido Comunista queremos estar a carón da xente do común temos que actuar á ofensiva. Non son momentos de actuar con morneza. E non é só a crise económica, senón tamén o proceso de perda de dereitos sociais e democráticos, como mostran a Lei Mordaza’ ou a criminalización dos protestos e manifestacións. Temos que responder ante iso.
"Na actualidade non hai nin unha soa tese no PC que defenda a Transición nin os pactos. É posíbel que daquela se vise (a Transición) como un mal menor, mais é evidente que agora estamos nun fin de réxime"
Tamén falaches nese discurso sobre que “o réxime saído da Transición está en descomposición”, mais o PCE foi parte na Transición...
Esa etapa está superada. Na actualidade non hai nin unha soa tese no PC que defenda a Transición nin os pactos. É posíbel que daquela se vise (a Transición) como un mal menor, mais é evidente que agora estamos nun fin de réxime. E que o réxime se resiste a este final, claro, aí están medidas como as que antes dicía da ‘Lei Mordaza’ (de seguridade cidadá)
Cal é a vixencia do comunismo neste século XXI?
O comunismo está de actualidade porque o capitalismo está de plena actualidade, por desgraza. Só hai que ver a realidade. E eles, as grandes empresas e poderes, van gañando nestes momentos, porque cada vez viven mellor. A costa da clase obreira. O noso obxectivo é darlle a volta a iso. Loitar por dereitos como o dereito ao traballo, dereito a vivenda... dereitos que actualmente son vulnerados constantemente.
En poucos meses veñen as eleccións municipais e hai debate sobre, coligazóns, marés, candidaturas abertas... Cal é a aposta do PCG
Electoralmente o traballo faise en Esquerda Unida. Nos traballamos nas frontes de converxencia. Nunha alianza de clases xa teorizada por Lenine e que está de plena actualidade ante o paro, a corrupción sistémica...Nestes momentos cómpre ser xenerosos en canto á unidade para acabar con esas situacións. Apostamos por un proceso como AGE, e por AGE en Europa. E cremos que hai que seguir traballando, mais non só con partidos e organizacións políticas, senón tamén coa xente. Agora mesmo estásenos a pedir que nos poñamos de acordo forzas diferentes en aspectos básicos, unha especie de mínimo común para poñer fin a todo o que está a pasar.
"Defendemos o dereito a decidir, o dereito á auto-determinación do pobo galego. Desde sempre"
Partido Comunista de Galicia... Cal é a opinión do PCG sobre a cuestión nacional galega?
Defendemos o dereito a decidir, o dereito á auto-determinación do pobo galego. Desde sempre. E non é unha novidade que nós apostamos por un proxecto federal, mais debe ser a cidadanía das distintas nacións que están no Estado español as que decidan sobre o seu futuro.
A túa profesión é de enfermeira e como deputada de AGE levas os temas relacionados coa sanidade, denunciando o desmantelamento en Galiza deste servizo
Vaise cara á privatización. Claramente. Desde que Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta o orzamento para a sanidade pública vai minguando á vez que aumenta o que se destina a concertos coa privada ou servizos que prestan empresas (lavandería, por exemplo). É unha sanidade cada vez máis descapitalizada en medios e en persoal. Hai unha estratexia clara que non se limita só a Galiza ou o Estado español: as grandes multi-nacionais saben do negocio que é a sanidade. Unha cuestión que tamén se vai ver afectada polo TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio que están negociando Estados Unidos e a UE)