O BNG cualifica de "malversación moral" a repartición de fondos do "plan urde"

O deputado Luís Bara denunciou que "de 62 proxectos" que se financiaron co Plan Hurbe, "61" correspóndense con Concellos gobernados polo PP.
O deputado do BNG, Luís Bará (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG, Luís Bará (Foto: Nós Diario).

O pleno da Cámara galega, que esta cuarta feira estivo marcado por varios tensos debates entre membros do Goberno e da oposición, albergou unha nova liorta a conta do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que dirixe Ángeles Vázquez.

O plan Hurbe constitúe un programa para financiar obras dos Concellos con cargo a crédito extraordinario, para o cal, destacou a conselleira, é necesario que os Concellos "presenten un proxecto", que cando é "bo" e "cumpre as condicións", contan co financiamento.

Con todo, o deputado do BNG Luís Bará arremeteu contra o que denominou "malversación moral" dos fondos e denunciou que "de 62 proxectos" que se financiaron, "61" correspóndense con Concellos gobernados polo PP, segundo os datos do portal de transparencia con respecto aos contratos desde setembro de 2020. Isto levoulle a ironizar con que en lugar do plan Hurbe, debería ser "plan urde" de "urdir" contratos.

"Non mira cores, mira cidadáns", subliñou en referencia á Xunta a conselleira Ángeles Vázquez, quen sostivo que neses municipios gobernados polo PP "haberá xente que non vota (aos populares) e non por iso deixa de bañarse na piscina ou deixa de andar pola rúa".

“Son fondos públicos, non do PP”

"O que fan vostedes é un escándalo, indecente, un abuso que imos denunciar unha e outra vez; non nos imos a cansar, non imos calar sobre este uso discrecional, discriminatorio e partidista. Son fondos públicos, non do PP", salientou Luís Bará, quen propuxo á conselleira pactar unha lei galega para a repartición de fondos, "goberne quen goberne", para evitar o "auténtico festín de uso dos fondos públicos".

Vázquez asegurou que leva a cabo o convenio cando "un Concello cumpre estritamente". "Se un o solicita e outros non, a conselleira e a Xunta non poden resolver ese problema", contestou, para despois reivindicar que o Goberno galego "ten como prioridade a colaboración cos Concellos".

Luís Bará denunciou que Concellos como o de Moaña e Bueu non teñen este convenio e recriminou que se lles “negou", pero a conselleira de Vivenda afirma que non ten encima da súa mesa do seu despacho ningún proxecto concreto destes municipios.

O deputado nacionalista insinuou que tiñan que "pasar a humillación de pedirlle o favor a ver se lle dan un convenio", algo "non democrático"; fronte ao que Vázquez contestou que non teñen que ir "de xeonllos" e que, a diferenza "do bipartito", ela "si" recibe aos alcaldes.

"Ten que chegar a democracia (á repartición de fondos) e en concreto ao plan Hurbe", reclamou Bará, a quen a conselleira lle retrucou que a Xunta non pode "facer unha obra se non ten un proxecto". "Díganlle (aos Concellos) que fagan bos proxectos e seguro que van ter o convenio asegurado", sentenciou.

Comentarios