18-F

Comesaña di que os promotores da manifestación "nunca están ao lado do sistema sanitario"

Comesaña afirma que "toma nota" das demandas dos manifestantes.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, esta sexta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Xunta da Galiza)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que "respecta" os que acudiron á manifestación convocada este domingo en Compostela pola Plataforma SOS Sanidade Pública e afirmou que "toma nota" das súas reclamacións, á vez que lamentou que "nin os promotores nin os que a secundan e financian nunca están ao lado da Xunta e do sistema sanitario pedindo a solución dos problemas da sanidade pública, que é a falta de médicos".

En declaracións aos medios en Lalín, insistiu en que el defende a sanidade pública galega, "formada por 43.000 traballadores". "6.000 máis que os que había cando estes partidos que din que estamos a desmantelar a sanidade gobernaban ou con 1.400 millóns de euros máis de orzamento que naquel momento", argumentou.

Uns datos que son negados desde SOS Sanidade Pública, que indican que, unha vez tida en cinta a inflación, o investimento actual na sanidade píblica é inferior ao rexistrado en 2009.

Así, destacou o "esforzo grandísimo de toda a sociedade" que dedica a Sanidade "a maior partida", cun orzamento "histórico" de máis de 5.000 millóns de euros, "con hospitais reformados, infraestruturas novas, coas mellores condicións que poden acceder os profesionais, con acordos, con mesas sectoriais, facendo a mellor prevención das vacinas que se fai no mundo" ou con "o maior programa de cribados neonatais", entre outros.

Neste contexto, reprochou que se diga que están "a desmantelar a sanidade". "Curiosamente", engadiu, os promotores desta manifestación e os partidos que a apoian "nunca din nada sobre isto".

"Minto", matizou para engadir: "Os partidos que apoian esta manifestación sempre votan que non cando nós levamos iniciativas para pedir ao Ministerio que nos deixe formar a máis médicos ou cando levamos iniciativas ao Parlamento para dar a praza en propiedade a médicos que vaian a sitios de difícil cobertura".

"Desde o respecto aos que acoden, tomamos nota das melloras que hai que facer, pero nin os promotores nin os que a secundan e finánciana nunca están ao lado da Xunta e do sistema sanitario pedindo a solución dos problemas da sanidade pública, que é a falta de médicos", concluíu.

Comentarios