Comarcas como alicerce doutra Galiza

A xestión e administración do territorio galego semella un crebacabezas complexo no que conviven 30.000 núcleos de poboación e 313 concellos. Un mapa no que figura sen poder nin peso real a comarca, entidade con recoñecemento expreso no Estatuto do 81 mais que fica sen desenvolver, fanando así outro modelo de país posíbel. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 308 de Sermos Galiza.

Axencia-Espacial-Europea-(ESA)

1En 1833 Galiza era despezada en catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Unha división territorial imposta que perdura até hoxe e que dividiu o país sen ningún criterio histórico, xeográfico, social, económico nin cultural. As deputacións foron, ao longo destes dous séculos, un suxeito activo no crebacabezas territorial galego, fixando un modelo non precisamente acorde as máis das veces coa propia realidade e dinámica do país.  

As comarcas perfiláronse neste tempo como unha base posíbel para outro modelo territorial, administrativo e de futuro para Galiza. Unha base que non callou para alén do meramente formal. “Nunca se chegou facer un proceso real de comarcalización de Galiza”, afirma Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica da Universidade de Santiago, en conversa con Sermos Galiza. “Para unha comarcalización real téñense que dar dous puntos: a comarca ten que ter competencias claras e ten que ter diñeiro. De onde sairían cartos e competencias? Da disolución das deputacións e a iso a dereita non está disposta”.


Mais non houbo na Galiza un plan de comarcalización (1997) que ordenou o territorio en 53 comarcas? Hóuboo, mais daquela maneira. Antón Doval, da Universidade compostelá, escribiu que as normas e iniciativas políticas e lexislativas “desenvolvidas a finais do XX e principios do XXI” para acometer unha estruturación e dinamización do territorio galego “deron escasos resultados”. Non houbo unha comarcalización real, senón que houbo un proceso que se “limitou a crear mancomunidades voluntarias de concellos, de escaso calado competencial e a posta en marcha de consorcios”. Houbo, pois, unha “renuncia” a dotar as comarcas galegas “de personalidade xurídica propia e de capacidade de xestión administrativa”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 308 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 

Comentarios