Cisma no PSdeG: Traslada a Ferraz o expediente de expulsión do deputado Martín Seco

A dirección dos socialistas galegos exixe que sexa expulsado do grupo parlamentario e que se lle suspenda a militancia.
Os deputados do PSdeG Martín Seco e Pablo Arangüena. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os deputados do PSdeG Martín Seco e Pablo Arangüena. (Foto: Europa Press)

O PSdeG remitiu a Ferraz o expediente sancionador que solicita a suspensión de militancia e a expulsión do grupo parlamentario do deputado galego Martín Seco, despois da súa intervención o pasado mes de setembro na Cámara lexislativa, mentres defendía a postura dos socialistas en relación á Lei de áreas empresariais impulsada pola Xunta. Aquela xornada, Seco mostrouse moi crítico coa decisión da dirección do partido de apoiar a lei, que saíu adiante cos votos a favor do PP e do PSdeG, e coa oposición frontal do BNG.

A decisión sobre o futuro do deputado socialista, afín ao ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, podería chegar a próxima semana, segundo apuntan fontes próximas á dirección do dos socialistas galegos, que considera os feitos constituíntes dunha falta moi grave. O implicado, pola súa parte, trasladou a Europa Press que aínda non ten constancia oficial do paso dado pola Secretaría de Organización da que aínda é a súa formación.

A cúpula do partido que encabeza Valentín González Formoso considera que a intervención parlamentaria de Seco durante o debate da Lei de áreas empresariais foi "a pinga que colmou o vaso" dunha actitude "desleal" que comezou no propio congreso galego que supuxo a substitución na dirección do PSdeG tras a vitoria de Formoso sobre Caballero.

A dirección galega recalca que a súa vontade é actuar con "total contundencia" e "non pasar unha máis" ante unha persoa á que ven "máis fóra que dentro" da organización pola súa actitude, que atribúe a que o grupo de afíns a Caballero "non aceptaron os resultados" das primarias de 2021. "Non se vai consentir que ninguén fomente a división interna nin que se menoscabe a imaxe do partido nos medios ou nas redes sociais", remarcan.

Continuos desencontros

Fontes próximas á dirección afirman que Seco foi un dos protagonistas dun incidente durante o congreso do PSdeG en 2021, no que un grupo de militantes levantou a voz para cuestionar a organización. A estes feitos, continúan, sucedérono mensaxes públicas nas que o aínda deputado cuestionou decisións adoptadas pola dirección de González Formoso e polo Goberno español, entre elas, segundo estas fontes, o acordo asinado con Marrocos sobre o Sahara.

Despois do episodio no debate da Lei de áreas empresariais, a dirección do PSdeG reaccionou á actitude de Seco co anuncio da apertura do expediente que agora deberá resolver a Secretaría de Organización federal e que podería provocar a súa expulsión do grupo parlamentario e unha suspensión de militancia de até dous anos.

Fontes próximas á cúpula dos socialistas galegos defenden que a directriz de votar a favor da lei impulsada pola Xunta foi adoptada tras a rolda de contactos de Formoso con "distintos axentes económicos sociais" que manifestaron o seu desexo de que a normativa saíse adiante ante a preocupación de que a falta de solo industrial na Galiza provocase a "fuga" de investimentos cara a Portugal.

Por tanto, entenderon como un "claro xesto de desafío" a González Formoso que Martín Seco desatendese esta indicación e criticase o texto normativo desde o hemiciclo, polo que, agora, piden que se lle aparte do grupo e se lle suspenda a militancia, o que provocaría tamén que abandone as súas responsabilidades á fronte do PSOE de Arteixo.

Comentarios