O PSdeG aproba co PP a Lei de Áreas Empresariais por orde da "dirección política do partido"

O BNG asegurou que a lei reserva ao Goberno galego a potestade de "saltarse os plans sectoriais".
Pleno na Cámara galega (Foto: Parlamento galego)
photo_camera Pleno na Cámara galega (Foto: Parlamento galego)

O PSdeG votou a favor da Lei de Áreas Empresariais, xunto co PP, a pesar das críticas contra o texto lexislativo da Xunta lanzadas desde a tribuna do hemiciclo polo deputado socialista Martín Seco, quen confesou que o seu grupo parlamentario apoia esta norma porque así llo ordenou "a dirección política do partido".

Antes de anunciar o voto a favor dos socialistas, Seco, afín ao anterior secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou que a lei "non foi consensuada nin debatida" coa oposición, nin tampouco "ten en conta as entidades que desenvolven solo industrial na Galiza".

O deputado socialista indicou que os textos "non teñen efecto máxico para solucionar os problemas", senón que é necesario "xestión" e, diso, criticou, "non poden sacar moito peito". "Estes proxectos e plans por si mesmos non solucionan os problemas e sen xestión política de pouco serven", reiterou.

Pola súa parte, a deputada do PP Marta Nóvoa interpelou ao socialista Martín Seco pola súa xustificación para aprobar esta lei: "Mira que había razóns, entre outras, que era moi demandada polo sector, pero ao final tivo que ser o ordeno e mando do seu secretario xeral".

Para o BNG, “unha chapuza”

A deputada do BNG Alexandra Fernández afirmou que esta nova norma vai ser "unha chapuza xurídica" que consiste "nun refrito doutras leis" e que vai supoñer "un novo tesoirazo". "O que vostedes chaman flexibilidade, vai ser arbitrariedade", sinalou.

Así, explicou que os nacionalistas estarían de acordo "en certa flexibilidade dentro duns criterios xerais", pero o PP "dispón arbitrariedade". Criticou que "o único criterio" é que a Xunta declare o proxecto "estratéxico", polo que "non ten criterios obxectivos". Unha situación que, na súa opinión, reserva ao Goberno galego a potestade de "saltarse os plans sectoriais".

Para Fernández, a estratexia do PP é a da "chantaxe aos concellos e a prevenda a empresas amigas"; ao tempo que reivindicou que o BNG quere "un modelo xusto" que atenda "a realidade económica actual e os retos que se expoñen". "Fronte a unha Galiza 'baixo custo' do PP, nós temos unha Galiza competitiva", manifestou.

Na súa resposta, Marta Nóvoa asegurou que o PP "é amigo de todas as empresas, grandes e pequenas", mentres que on BNG "son inimigos de todas as empresas na Galiza". Ademais, a popular criticou que a proposta "alternativa" dos nacionalistas "triplicaba prazos" e "o único que deixaron claro" foi que "están en contra das empresas".

Comentarios