O PSdeG estuda abrir un expediente contra o deputado Martín Seco polas críticas á aprobación da Lei de Áreas Empresariais

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, evitou pronunciarse sobre o tema; mentres que o protagonista do posíbel expediente sancionador mostrou a súa "sorpresa" pola decisión do partido.
Os deputados socialistas Pablo Arangüena e Martín Seco. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os deputados socialistas Pablo Arangüena e Martín Seco. (Foto: Europa Press)

[Información actualizada ás 19.59 horas]

A dirección do PSdeG estuda abrir un expediente sancionador contra o deputado Martín Seco ao entender que a súa actitude durante o debate no pleno do Parlamento desta terza feira vulnerou o código de conduta interna da organización.

Fontes próximas á dirección dos socialistas galegos consultadas por Europa Press apuntaron que a decisión para abrir un proceso disciplinario ao parlamentario pola Coruña está "madura" e adoptarase, previsiblemente, a comezos da vindeira semana.

A apertura do expediente suporía o inicio dun proceso interno que tería que resolver a dirección estatal do Partido Socialista, cuxo regulamento para os cargos públicos contempla a expulsión de deputados dos grupos parlamentarios en casos que o Comité Federal estime como graves.

As fontes consultadas por Europa Press subliñan o malestar xerado "entre a militancia" pola actitude de Seco, afín ao ex secretario xeral e deputado na Cámara galega Gonzalo Caballero, de quen considera que "traspasou unha raia" coa súa intervención no debate parlamentario.

Martín Seco foi o encargado de defender a postura do grupo parlamentario socialista durante o debate da Lei de Áreas Empresariais. Desde a tribuna do hemiciclo, o parlamentario foi moi crítico co texto normativo pero confesou que o seu grupo parlamentario apoia esta norma porque así llo ordenou "a dirección política do partido".

Formoso evita pronunciarse

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, evitou pronunciarse sobre o tema en concreto e sinalou que o seu deber é "congratularse" dun “feito importante" que ocorreu no Parlamento galego como a aprobación da Lei de Áreas Empresariais.

O dirixente socialista reivindicou que o PSdeG "foi capaz de votar a favor para desatascar eses proxectos empresariais, para que ninguén se teña que ir a Portugal como acaba de ocorrer con Airbus ou como ocorreu o ano pasado con Zendal, precisamente por falta de chan industrial".

Neste sentido, dixo sentir "orgullo" e manifestou que "a cidadanía non está ás anécdotas que ocorren no Parlamento galego”. O secretario xeral do PSdeG subliñou que o seu partido "estivo á altura das circunstancias", como "vai estar sempre naqueles temas que entendemos que son de país: sanidade, educación pública, cultura e emprego por encima de todo". "Os partidos teñen a súa vida propia, pero non estamos ás anécdotas", resolveu.

Resposta de Martín Seco

En declaracións a Europa Press, o posíbel afectado polo expediente sancionador do PSdeG defendeu a súa "lealdade" ao partido e mostrouse "decepcionado e triste" pola intención de abrir un expediente contra el.

Seco lembrou que a propia dirección do partido fixo un "informe" crítico coa proposta lexislativa e coas políticas industriais dos populares e que, de feito, durante a tramitación parlamentaria da norma a postura do PSdeG foi a de "non obstaculizar", pero cunha "abstención", voto que se decidiu cambiar no pleno da Cámara.

O deputado dos socialistas da Galiza expresou a súa "tristeza" e salientou que foi "sempre leal" ao PSOE, porque entende esta forza como a "alternativa" aos gobernos do PP e ás súas políticas.

Ademais, indicou que a dirección do partido non se comunicou con el a través de ningún escrito e que unicamente coñece as intencións a través de informacións nos medios de comunicación, polo que expresou, así mesmo, a súa "sorpresa".

Comentarios